Presentación do Festival Poético ‘Veñan as cinco’ | © Concello de Pontevedra

‘Veñan as cinco’ achegará poesía nas 5 linguas da península a diversos puntos da cidade de Pontevedra entre o 25 e o 27 de outubro

16 Outubro 2024

A cidade de Pontevedra acollerá os días 25, 26 e 27 de outubro, o Festival PoéticoVeñan as cinco’, que promoven o Ateneo de Pontevedra e o Concello de Pontevedra, e que levará a poesía e a música por diversos espazos da cidade, entre os que se atopan o Museo de Pontevedra, o Teatro Principal, os locais O Diaño e A Verbena e o recén inaugurado Espazo Mauro Lomba.

O festival promete ser unha gran festa da poesía e un reencontro entre as cinco linguas da península. O programa incluirá recitais poéticos, música e clases mestras sobre poesía e procesos creativos de tres participantes.

Entre as poetas participantes estarán Nuria Vil, María Sánchez, Mari Luz Esteban, Zheto Cunha Gonçalves, Mireia Calafell, Silvia Penas e o músico Fran Fernández.

O acto inaugural do evento vai ter lugar o venres, 25 de outubro, a partir das 19:00 horas no Museo de Pontevedra, coa presentación do evento e unha performance de poesía e música, que será conducido polas artistas Carmen Quinteiro e Baia Fernández e no que recitarán Nuria Vilán, María Sánchez, Mari Luz Esteban, Zheto Cunha Gonçalves, Mireia Calafell, coa música de Fran Fernández.

Pola noite, a partir das 22:00 horas, haberá unha “Noite de Letras” en A Verbena e O Diaño, coa poesía de Silvia Penas no primeiro e a música de Fran Fernández no segundo. Esta proposta tamén se organiza para convidar ao público asistente a recitar ou a ler poesía, co obxectivo de levar a poesía a todos os recunchos da cidade do Lérez.

O sábado será o día máis completo con programación pola mañá e pola tarde – noite. O Museo de Pontevedra acollerá os actos da primeira parte do día, na que están previstas dúas clases mestras sobre o proceso creativo e que serán impartidas polo poeta Zheto Cunha Gonçalves, entre as 11:00 e as 12:00 horas, e das 12:00 ás 13:00 horas, será María Sánchez quen fale do dela. As persoas que queiran participar nestas actividades, deberán inscribirse previamente a través do enderezo electrónico do festival festivalvenanascinco@gmail.com. Despois desas clases, ás 13:00 horas, a praza da entrada do edificio acollerá un concerto do músico Fran Fernández que, en caso de mal tempo, se trasladará ao interior.

Xa pola tarde, ás 20.30 horas, os actos desenvolveranse no Teatro Principal de Pontevedra, onde terá lugar unha performance poética coas voces de Nuria Vilán, María Sánchez, Mari Luz Esteban, Zheto Cunha Gonçalves e Mireia Calafell.

E xa o domingo, como remate, o Espazo Mauro Lomba acollerá a última das clases mestras, neste caso coa poeta galega Nuria Vilán. Será a partir das 11.30 horas e para participar tamén se require inscrición previa no enderezo electrónico do festival festivalvenanascinco@gmail.com



 PROGRAMA ‘VEÑAN AS CINCO’ 

VENRES 25 OUTUBRO

  • 19.00 h: Museo de Pontevedra. ACTO INAUGURAL: presentación do evento, performance de poesía e música
  • 22.00 h: A Verbena e O Diaño. NOITE DE LETRAS: VEÑAN AS CINCO
    • 22.00 h: Poesía con Silvia Penas en A Verbena, e micro aberto para público
    • 23.00 h: Música con Fran Fernández en O Diaño

SÁBADO 26 OUTUBRO

  • 11.00 a 14.30 h: VEÑAN AS CINCO NO MUSEO DE PONTEVEDRA. CLASES MESTRAS no MUSEO
    • 11.00 h: O proceso creativo de Zheto Cunha Gonçalves*
    • 12.00 h: O proceso creativo de María Sánchez*
    • 13.00 h: MÚSICA E POESÍA DA MAN DE FRAN FERNÁNDEZ
  • 20.30 h: VEÑAN AS CINCO NO TEATRO PRINCIPAL. Performance poética con Nuria Vilán, María Sánchez, Mari Luz Esteban, Zheto Cunha Gonçalves, Fran Fernández e Mireia Calafell

DOMINGO 27 OUTUBRO

  • 11.30 h: ESPAZO MAURO LOMBA, PRAZA DA FERRERÍA. CLASE MESTRA. O proceso creativo de NURIA VILÁN*

As actividades teñen entrada libre ata completar cabida a excepción das *clases mestras, que ao ter prazas limitadas precisan de inscrición previa en festivalvenanascinco@gmail.com


Está pasando!