Water Damage | Angela Betancourt

Water Damage inaugura o Sinsal Primavera cunha proposta sonora radical

31 Marzo 2026

  • Vigo convértese este mércores na única parada en España da banda de culto Water Damage; e as últimas entradas están á venda en sinsal.gal
  • O colectivo de Austin (Texas), que conta con dúas baterías simultáneas, é un referente do xénero drone e está integrada por músicos de bandas como Swans

O Museo de Arte Contemporánea de Vigo (MARCO) será este mércores 1 de abril o escenario dunha das citas musicais máis exclusivas do ano no país. A serie de concertos Sinsal Primavera, organizada pola promotora Sinsalaudio co apoio do Concello de Vigo, arranca a súa programación con Water Damage, o colectivo estadounidense que escolleu a cidade olívica como a súa única data en España dentro da súa xira internacional.

Water Damage chega a Vigo tras o seu paso polo prestixioso festival Tremor nas Azores. A de Austin (Texas) non é unha banda de rock ao uso, senón unha maquinaria sonora deseñada para a inmersión total. Utilizan a repetición e os sons sostidos para crear atmosferas hipnóticas e a súa música é un exemplo de como funciona o son en constante vibración.

Unha das señas de identidade do seu directo é a presenza de dúas baterías tocando de forma simultánea, unha configuración pouco habitual que permite ao grupo construír un “muro de son” rítmico, denso e fisicamente impactante. O seu directo será unha das propostas máis desafiantes que o público poderá escoitar este ano en Galicia.

Con esta actuación única no territorio estatal, o Sinsal Primavera reafirma o seu compromiso de achegar proxectos de vangarda que raramente visitan o circuíto de salas habitual, convertendo a cidade viguesa nun referente para a experimentación sonora internacional.

As últimas entradas para asistir a este evento exclusivo están dispoñibles na web oficial sinsal.gal e, de quedaren existencias, poderanse adquirir na billeteira do MARCO o mesmo mércores.

A segunda e última cita do Sinsal Primavera 2026 terá lugar na Fundación Sales o domingo 3 de maio contra o mediodía.

A cantante e compositora Ólöf Arnalds iniciará en Vigo a súa xira española de presentación do seu novo disco, ‘Spíra’, un traballo envolvente e de enorme beleza publicado o pasado mes de decembro. A islandesa moverase entre a tradición oral e a experimentación, transformando o cotidiano e íntimo nunha experiencia compartida.

As entradas tamén éstán á venda na web de Sinsal, e as e os menores de 17 anos poderán acceder cunha entrada reducida de 5 euros.

Está pasando!