Presentación do II Medio Maratón Concello de Vilagacía | © Concello de Vilagacía

Vilagarcía acolle por segundo ano consecutivo o Campionato Galego de medio maratón, coa presenza de 700 atletas

19 Novembro 2024

  • O litoral de Vilagarcía, entre Vilaxoán e O Carril, á altura do cruce cara Trabanca Sardiñeira, acollerá o vindeiro domingo, día 24 de novembro, o II Maratón Concello de Vilagarcía, que tamén servirá para dirimir o Campionato Galego da mesma distancia
  • A organización prevé superar o récord de participación, con máis de 700 atletas de todas as idades
  • A proba arrancará ás dez e media da mañá dende a avenida da Mariña

Os atletas con ficha poden facelo a través da páxina da propia Federación Galega de Atletismo e os afeccionados na plataforma carreirasgalegas.com ata o día 20 de novembro. Haberá premios para todas as categorías de idades e tamén para os corredores locais máis destacados. Obviamente, o desenvolvemento da proba implicará restricións de tráfico de vehículos. O circuíto estará sinalizado e vixiado por efectivos da Policía Local e Protección Civil.

A saída será dende a avenida da Mariña, á altura da praza da República. Despois de dar unha volta ao parque de Miguel Hernández, a ruta continuará ata o porto de Vilaxoán, dende onde se regresará a Vilagarcía para proseguir ata O Carril, á altura do cruce cara Trabanca Sardiñeira. De novo, os atletas volverán a Vilaxoán para regresar ata o cruce antedito e culminar a carreira na meta da avenida da Mariña.



O presidente da Federación, Iván Sanmartín acudiu ao acto de presentación, na compaña do responsable da Fundación de Deportes, Carlos Coira, e do concelleiro de Turismo, Álvaro Carou. Sanmartín xustificou a volta a Vilagarcía porque o seu circuíto reúne todas as características para converter esta proba na medio maratón “máis rápida” de Galicia. Neste sentido, animou ao público a desfrutar da proba. “Hai unha parte popular, pero outra cos mellores fondistas de Galicia. É un circuíto cunha volta pequena e dúas grandes, de xeito que a xente verá pasar continuamente aos corredores”.

Pola súa banda, Carlos Coira sinalou que o circuíto está homologado, polo que as marcas persoais serán válidas tanto na distancia dos 21.097 metros do medio maratón, como nos 10.000 metros. Tanto como Coira como Carou incidiron na importancia desta proba, como outras que tamén acolle o concello ao longo do ano: “Esperamos 700 persoas e iso significa que prazas hoteleiras e pisos turísticos estarán ocupados e haberá un retorno económico para o comercio e a hostalería”, aparte do que supón de difusión da imaxe de Vilagarcía e a súa capacidade de organización de eventos.


Está pasando!