Vilagarcía mantense fiel á tradición de dar a benvida ao novo ano de forma adiantada e en comunidade coa Festa da Toma das Uvas

30 Decembro 2023

  • A Concellería de Xuventude xa ten todo organizado para que a celebración do mediodía do 31 de decembro sexa todo un éxito e volva reunir a milleiros de persoas ansiosas de recibir ao 2024 na Paza de Ravella
  • Ademais do reparto de uvas, gominolas e cava para o brinde, a festa contará cun espectáculo de acrobacias aéreas a cargo da compañía Desastronauts, a animación musical do DJ Pablo Cubela, da discoteca móbil Dolce Vita, e a actuación en directo do Somoza Trío

A Festa das Uvas terá lugar, como de costume, no mediodía do día 31 de decembro, data que este ano cae en domingo polo que se espera aínda moita máis afluencia de xente que o que é costume. O reparto das uvas, do cava e das gominolas comezará ás 11 da mañá, con tempo suficiente para que os asistentes vaian facendo provisión dos ingredientes necesarios para recibir ao 2024 como manda a tradición. Para facilitar a distribución das viandas, instalaranse tres postos nos xardíns de Ravella.

A música da discoteca móbil e a animación do presentador, Fran Rey, irán quentando o ambiente ata as 11.40 horas, cando dea comezo o espectáculo de acrobacias aéreas que ofrecerá Desastronauts. Dez minutos antes das doce do mediodía o presentador volverá a tomar as rendas da festa para ir explicando ao público como se vai desenvolver a conta atrás, co aviso dos cuartos que precederán ás 12 badaladas que soarán dende o reloxo do consistorio e que marcarán o compás da toma das uvas.

Tras o brinde, as felicitacións, os abrazos e o confeti, volverán as espectaculares acrobacias de Desatronauts, continuará a animación e, finalmente terá lugar o concerto do grupo Somoza Trío, que se prolongará ata as 13.30 horas.

A Concellería dispón para a festa de 350 quilos de uvas que repartirá en bolsiñas de ración coas 12 uvas; 420 botellas de cava que se servirá en vaso para o brinde, e unhas 1.500 bolsiñas de gominolas.

Agradecemento aos patrocinadores e colaboradores

Para o desenvolvemento da Festa da Toma das Uvas, Xuventude conta coa colaboración loxística de asociacións e co patrocinio de varias firmas da localidade, aos que o departamento que dirixe Álvaro Carou agradece publicamente o apoio dado a esta celebración que fai de Vilagarcía un lugar sinalado nas televisións estatais o día 31 de decembro. Trátase do Centro Comercial Arousa, Hiper Froiz, La Metro, Zona Aberta, Arousa Moza e SIF (Servizos Integrais de Formación).


Está pasando!