Presentación da programación de Santa Rita 2025 | Concello de Vilagarcía de Arousa

Vilagarcía quenta motores de cara ao verán cunha programación de altura para as festas de Santa Rita

14 Maio 2025

  • A concellería de Cultura, dirixida por Sonia Outón, presentou a programación de cara a Santa Rita. Un cartel de altura que abre a tempada de festas de cara a un verán que se prevé frenético en canto a actividade.
  • Vilagarcía contará coa presenza de tres das orquestras máis importantes de Galicia: Panorama, Los Satélites e Marbella, ademais do concerto do exitoso grupo The Rapants.
  • “Podemos presumir da romaría popular máis importante de Galicia que une tradición co modernidade, música, deporte, cultura… e todo isto en apenas cinco días”, apuntou o alcalde, Alberto Varela.
  • Toda a programación é de balde.

As festas de Santa Rita comezan o mércores 21 coa inauguración da Feira Celta ás 18:00h. O mercado abrirá todos os días pola mañá (a partir das 11:00h) e pola tarde (ata as 23:00h), ata o domingo. A nivel musical, a partir das 20:00 o grupo de gaitas Brisas do Río Ulla ambientará as rúas da vila, mentes que ás 22:30 horas comezará a actuación da orquestra Panorama en Fexdega.

“Veñen cun formato moi grande, de aí a necesidade de ubicalos no recinto feiral. Traen un escenario de 63 metros e, ademais, contamos con que atraian a moito público, xa que é a presentación do seu novo espectáculo”, explicou a concelleira de Cultura, Sonia Outón.

A apertura de portas será ás 21:00 horas, cun control de acceso para evitar a entrada con recipientes de vidro. Dende o Concello de Vilagarcía recordan que moi preto se atopa a Finca Douro, cunhas 500 prazas de aparcamento gratuíto.

Presentación da programación de Santa Rita 2025 | Concello de Vilagarcía de Arousa

A procesión é o xoves 22. Comezará ás 20:00 horas con saída dende o convento de Vista Alegre, e a continuación pola rúa Castelao, praza de Galicia, Valentín Viqueira, Romero Ortiz, Francisco Fontán, Rey Daviña e de novo por Praza Galicia ata completar o percorrido. A partir das 21:30 horas, a orquestra Los Satélites amenizará a noite dende a Avenida da Mariña.

O venres 23 a festa continúa, con Malveiras e A Nosa Señora da Xunqueira percorrendo as rúas a partir das 12:30 horas e das 20:00h, respectivamente. A maiores, o Salón García acolle a actuación do ‘Orfeón de Voces Graves Arousa’. A partir das 22:30h, a orquestra Marbella actuará na Mariña.

SÁBADO, THE RAPANTS

A música ten moito protagonismo durante toda a programación, sendo o sábado 24 un dos días máis importantes. O grupo de gaitas Mocedade da Torre 83 tomará as rúas ao mediodía, pasando o relevo a Airiños do Carril a partir das 20:00h.

“Queremos dar cabida ao talento local no marco do ‘Son da Casa’, por iso o sábado contaremos coa actuación de Ksais, no parque da Xunqueira, a partir das 21.30”, explicou Outón.

O prato forte da xornada será ás 23:00 horas, coa actuación do grupo do momento na escena galega, The Rapants. Posteriormente, haberá unha pinchada na Alameda da man do Dj Óscar, tamén de Vilagarcía.

The Rapants | © Andrea Freckleseye

A festa non remata ata o domingo 25. De novo, haberá pasarrúas pola mañá e pola tarde, con Sta Plácida de Rubiáns e A Queimada. Ademais, a Banda de Música de Vilagarcía fará “unha sesión vermú” ás 13:00 en García Caamaño.

Pola tarde, a partir das 17:00h, Valentín Viqueira acollerá o ‘Festivaliño On the Road 2025’, que achega o cine aos máis pequenos. Proxectaranse as mellores curtametraxes nacionais e internacionais para idades comprendidas entre os 0 e os 12 anos.

ACTIVIDADES DEPORTIVAS

A faceta deportiva tamén é moi importante na programación das festas. A maioría dos eventos serán o sábado 24, coa primeira proba do Campionato Galego de Pesca Submarina, que se estenderá ao domingo.

Tamén terá lugar a III Regata de Santa Rita, a partir das 11:00h; o IV Torneo Santa Rita de Rugby 7, organizado polo Club Os Ingleses en Fontecarmoa durante mañá e tarde; e a competición de minibalonmán na praza da II República.

Está pasando!