Participantes no gran desfile de Entroido de Vilagarcía | Concello de Vilagarcía

Vilagarcía repartirá 7.300 euros en premios no gran desfile de disfraces e carrozas que terá lugar o Martes de Entroido

9 Febreiro 2026

  • O departamento que dirixe Sonia Outón repartirá 7.300 euros entre as mellores máscaras e choqueiros que participen no multitudinario evento que terá lugar na tarde do 17 de febreiro.
  • Un acto ao que precederá o baile infantil na Peixería do día anterior e que se complementará coas actividades organizadas polos colectivos de Vilaxoán e O Carril, onde non faltarán as tradicionais comparsas e os respectivos Enterros da Sardiña.

Nada menos que vinte e dous premios serán os que conceda a Concellería de Cultura no desfile-concurso de disfraces e carrozas do martes de Entroido.

As bases que rexen o concurso de disfraces e carrozas poden consultarse nos taboleiros de anuncios da sede.vilagarcia.gal e de vilagarcia.gal. Nestes mesmos medios está dispoñible o formulario de inscrición que deberá presentarse presencialmente nas dependencias da Concellería de Cultura (Auditorio Municipal). O prazo para anotase ramata o 13 de febreiro.

Establécense tres modalidades de participación: infantil (ata 13 anos), xeral e comparsa. Nas dúas primeiras haberá categoría individual e de parellas, e na de comparsas, de grupos de ata 20 persoas e de formacións de máis de 20 membros.

Concederanse tres premios en cada apartado, con dotacións económicas que oscilarán entre os 50 e os 1.300 euros.

O desfile sairá dende a rúa A. Bóveda, para continuar por A. Cerecedo, avda. Dr. Tourón, praza de España, rúas Edelmiro Trillo e Padre Feijoo, praza da Independencia, rúa San Roque, rúa Cervantes, avenida Juan Carlos I, e remate na praza de Ravella.

Os premios daranse a coñecer ao remate do desfile, a partir das 20:00 horas, na praza da Peixería.

A maiores, Cultura dispón unha mención do xurado e premios especiais á mellor carroza e animación, cada un deles dotado con 500 euros. Ademais, como vén sendo habitual dende hai xa uns anos, co obxectivo de fomentar e manter viva a tradición popular do choqueiro, disponse doutra partida de 500 euros para premiar aos mellores disfraces desta figura típica do entroido galego.

A programación de Entroido do Concello inclúe tamén o baile infantil organizado pola Concellería de Xuventude. Terá lugar o luns 16 pola tarde na Praza da Peixería e estará amenizado pola Duendeneta, que ademais de ofrecer un repertorio de música festiva, animará aos asistentes e invitará á participación nas coreografías guiadas e nos xogos interactivos.

A maiores, a rapazada poderá participar nos distintos obradoiros creativos gratuítos que impartirá o persoal de Servizos Integrais de Formación.

Comparsas e enterros da sardiña en Vilaxoán e O Carril

A programación na honra de Don Carnal tamén terá actividades moi salientables en Vilaxoán e no Carril. O Centro Sociocultural do Preguntoiro acolle o venres 20 a partir das 20:30 horas o festival de comparsas, todo un clásico ao que acoden distintas formacións da contorna para cantar as súas coplas satíricas. E o sábado 21, con saída ás 19:30 horas da lonxa de Vilaxoán, celebrarase o enterro da sardiña.

No Carril, ademais das actividades (bailes e obradoiros) propios para os seus asociados, o Gato Negro organiza o domingo 22 o seu Enterro da Sardiña. Con saída ás 18:30 horas dende a sede da entidade, percorrerá as principais rúas do pobo cunha comitiva fúnebre na que participarán os grupos e comparsas “O que queira que veña”, ANPA A Escardia, Os Jatiños e o Grupo Tradicional Malveiras, así como curas e choronas.

Está pasando!