‘Violencia Zero’ leva á reflexión o papel do matriarcado e a lacra do machismo na acción liderada en oia pola actriz Cris Iglesias

29 Abril 2022

Nove mulleres da parroquia de Burgueira realizaron unha acción escénica na que alzaron as súas voces para falar de temas como machismo instaurado na sociedade

Un grupo de mulleres de Burgueira, a parroquia de Oia, amosou o verdadeiro significado do “matriarcado galego” a través dunha nova acción do programa da Deputación ‘Violencia Zero’, coordinada pola actriz Cris Iglesias e que tivo lugar na Casa da Cultura. Así, nove mulleres puxeron en escena “O matriarcado da muller na cociña”, unha acción na que alzaron as súas voces sobre temas que elas consideran importantes e foron escoitadas por un público entre o que se atopaba a deputada provincial de Igualdade, Victoria Alonso e a alcaldesa de Oia, Cristina Correa.

Como antesala a esta peza, a actriz Cris Iglesias sumouse a un dos encontros que estas mulleres realizan de xeito habitual para facer actividades e compartir experiencias. Alí reflexionaron sobre a súa forma de vida, moi ligada ao traballo no campo e aos coidados, e fixeron unhas pequenas prácticas teatrais que foron o xerme de esta acción escénica na que se preguntaron onde están os privilexios e cales son as realidades do matriarcado das mulleres galegas.

As nove mulleres saíron á escena con cadanseu capacho con auga, un elemento que está moi relacionado co traballo no campo, pero que tamén serve como obxecto de descanso ao permitir poñer os pés a remollo nel tras as longas e arduas xornadas laborais ás que están acostumadas estas mulleres. Alí, nun entorno íntimo, reflexionaron sobre todas as tarefas que sistematicamente son encomendadas ás mulleres (coidados, labores do fogar…), sobre o matriarcado e o machismo instaurado que elas, con idades comprendidas entre os 65 e os 80 anos, padeceron ao longo das súas vidas. Falaron tamén do maltrato que se dá de xeito xeral entre os seres humanos e entre as persoas e o planeta e neste senso deron moita importancia ao coidado da contorna.

Tras as actuacións en Pontevedra, Vigo, Moraña, Silleda, Meaño, Forcarei, Agolada e A Lama esta foi a novena acción da VII edición de “Violencia Zero” coa que a Deputación continuará a expandir a loita feminista noutros dezanove concellos da provincia baixo o lema “Fronte ao patriarcado, artistas que moven, removen e conmoven. Móvete con elas contra a violencia machista!”. Así, este ano o programa continuará visibilizando o talento das mulleres con propostas musicais, de teatro, danza, poesía, performance e outras iniciativas artístico-culturais en Caldas, Moaña, A Guarda, Fornelos, As Neves, Redondela, Salceda, Tui, Meis, Baiona, A Cañiza, Covelo, Barro, Rodeiro, Cambados e Vilaboa.

Está pasando!