Viúvas, viúvos, choqueiros e Galo Fodorico, protagonistas do Entroido Virtual 2021 de Poio

7 Febreiro 2021

Logo de realizar hai uns días un adianto das actividades interactivas e on line que protagonizarán o Entroido 2021, a concelleira de Cultura, Raquel Rodríguez, deu a coñecer este mércores a totalidade do contido da programación, que se adapta á situación provocada pola terceira vaga da COVID-19, á vez que busca manter vivo o espírito deste emblemático festexo, facendo fincapé na súa tradición e, ao mesmo tempo, poñendo en valor o labor e implicación de colectivos e tratando de dinamizar a actividades de sectores como a hostalería ou o comercio local.

A edil nacionalista confirmou que as iniciativas irán máis alá desta fin de semana, momento no que xa se desenvolverán algunhas actividades, a través das redes sociais, como a publicación dun vídeo no que o chef Pepe Solla amosa a preparación de receitas típicas do Entroido ou a publicación (que se emitirá o venres 12 e o sábado 13) ou ‘Choqueirízate’, cita a través da cal poderá presumir dos seus disfraces utilizando hashtags nas redes sociais como #EntroidoPoio2021 ou #Choqueirizate.

O domingo 14 divulgarase tamén unha peza audiovisual con temática de Entroido, en cuxo proceso tomaron parte diversos colectivos e grupos moi vencellados a esta celebración, que ano tras ano toman parte na iniciativa. “Eles son unha parte moi importante deste proxecto alternativo e grazas á súa implicación podemos manter vivo o espírito do Entroido a pesar das circunstancias nas que nos atopamos”, recalca Rodríguez Alonso, que tamén estende o agradecemento do Concello a Pepe Solla pola súa participación nos vídeos culinarios.

Deste xeito, o Entroido continuará moi vivo no que resta do mes de febreiro. Entre os días 15 e 17 (coincidindo coas vacacións do alumnado), o perfil de Poio Cultura en Facebook ofrecerá obradoiros infantís que tamén terán coma protagonista a figura do choqueiro e que servirán para “axudar ás nosas crianzas a coñecer e entender mellor a tradición popular e o arraigo que o Entroido ten no noso municipio”.

As emisións realizaranse a partires das 10.00 horas. Ademais, como non pode ser doutro xeito, a figura do Galo Fodorico Agusto Bastante, santo e sinal deste festexo en Poio, tamén estará moi presente. Isto será posible grazas á implicación da Asociación Ronsel, que entre os días 22 e 27 impulsa o Concurso Viúvos e Choqueiros. “É unha variante on line do certame que habitualmente se celebra cada ano co Enterro do Galo”, lembra Raquel Rodríguez, que agradece a implicación e o esforzo desta histórica agrupación á hora de ofrecer á veciñanza “unha fórmula a maiores para gozar do Entroido na casa, entre convivintes, de xeito seguro”.

Ademais da publicación en redes da tradicional esquela, no perfil oficial de Facebook da asociación poderase participar no Concurso Viúvos e Choqueiros. Neste espazo tamén se poderá obter máis información sobre os detalles deste novidoso certame. O que si avanza a concelleira de Cultura é que os mellores disfraces serán agasallados con vales de compra para consumir en negocios de hostalería e do comercio de Poio.

Está pasando!