Volve a Festa dos Libros a Pontevedra coa colaboración de 14 librarías da cidade

29 Xuño 2021

A praza da Ferraría acolle esta fin de semana a cuarta edición da Festa dos Libros, organizada polo Concello de Pontevedra en colaboración con catorce librarías da cidade.

“A Festa dos Libros é unha necesidade para todas as persoas que amamos os libros e a literatura e tamén para as librarías, que son espazos de cultura e de intercambio cultural cargados de tesouros” asegurou esta mañá a concelleira de Festas de Dinamización Sociocultural, Carme da Silva, durante a presentación desta cita, na que estuvo acompañada por libreiras e libreiros de Aviones de Papel, Cronopios, El Pueblo e Escolma.

Durante o venres 2, sábado 3 e domingo 4 de xullo, a praza da Ferraría converterase nun punto de encontro de escritores e escritoras, libreiros e libreiras, editoriais e amantes da lectura, nun espazo de descubrimento, de curiosidade, de aprendizaxe e de gozo arredor da palabra e dos libros.

Así, os postos das librarías Aviones de Papel, Cao, Clip, Cronopios, D-Lectum, El Naranjo, El Pueblo, Escolma, Espazo Lector Nobel, La Nube de Papel, Luna Nueva Libros, Metáfora, Libraría Paz e Seijas estarán abertos durante os tres días de 11.00 a 14.00 horas e de 18.00 a 22.30 horas e ofrecerán sinaturas de libros nos seus respectivos stands.

Despois de ter que adiar a súa edición o ano pasado debido á pandemia da Covid-19, os libreiros e libreiras de Pontevedra volven sacar os seus libros á rúa na procura de lectores e lectoras. E fano acompañados dunha completa programación que abrangue a presenza de máis de setenta autores e autoras que participarán nunha vintena de actividades repartidas entre presentacións, faladoiros, mesas redondas, contacontos, sinaturas de exemplares,… e por suposto, como en toda festa, actuacións musicais.

👉 Descarga e consulta o 
Programa da Festa dos Libros 2021

Está pasando!