Presentación de ‘Aquí Cántase’ | © Concello de Pontevedra

Volven os ‘Cantos de Taberna’ e ‘Aquí Cántase’ para encher de ambiente, tradición e melodía as rúas da Boa Vila

6 Maio 2022

  • Haberá unha sesión de ‘Cantos de Taberna’ en maio e outra en xuño, coincidindo co último venres de cada mes, levando cancións tradicionais galegas até catro tascas da cidade
  • ‘Aquí Cántase’ promete ser un evento case único no país, promovendo o canto masivo entre veciñanza e visitantes, que poderán ter acceso ás letras tanto en papel como cun código QR

Con prudencia e aos p oucos, a normalidade vai regresando a todos os niveis festivos e culturais da cidade de Pontevedra. Desta vez, a Boa Vila recupera dúas actividades co canto popular e a tradición por bandeira: ‘Cantos de Taberna’ e ‘Aquí Cántase’.

«Volven os cantos con máis gana que nunca, volven dous anos despois sen poder gozar de dous proxectos tan importantes a nivel cultural e festivos como son ‘Cantos de Taberna’ e ‘Aquí Cántase’. Ambos as dúas actividades regresan con toda a intensidade», explica a concelleira de Festas, Carme da Silva, á hora de presentar esta ansiada volta, realizada polo Concello de Pontevedra en colaboración coa Asociación Cultural Maravallada.

Dunha banda, ‘Cantos de Taberna’ continuará afondando nunha actividade tan simple e festiva como é a de cantar polas distintas tabernas da cidade. «Coma sempre dixemos: non se trata de cantar ben, senón de ter gana de cantar e pasalo ben», lembra a edil de Festas, que tamén fai fincapé no obxectivo de manter unha tradición cultural «tan importante» como é a de cantar.

Seguindo o plan previsto, faranse dúas rutas en maio e xuño, unha por mes. Ambas as dúas sesións serán de 21 a 00 horas; a primeira, na NASA e no Pavero; a segunda, no Americano e na Navarra. «Son espazos nos que xa foi celebrada este tipo de actividade é que permiten de haber moita xente, poder estar fóra, no espazo público». Os Escaravellos serán o grupo convidado na primeira sesión, coincidindo co derradeiro venres do mes, o 27 de maio.

Doutra banda, ‘Aquí Cántase’ é unha evolución deste formato, que logrou explotar dun xeito «único no país» tal e como sinala Xosé Manuel Espiño. Nese sentido, esta actividade chegou a contar cunha asistencia masiva nas últimas edicións e a idea é recuperar ese ocio e esa festividade que logran os cantos populares na rúa e nas prazas.

Así, 4 prazas da cidade, o 12 de agosto, acollerán catro recitais de cinco cancións. Ferraría, Curros Enríquez, Chariño (Teatro Principal) e a Leña (diante do Museo) serán os espazos para cantar todos e todas. En total, vinte cancións da música popular galega que soarán como nunca.

Ao igual que noutras ocasións, Maravallada invita á veciñanza pontevedresa a participar neste fito melódico a participar nalgún dos catro ensaios previsto antes da data. De 20 a 21.30h, o 19 e 26 de maio, 2 e 30 de xuño, no Centro Cultural O Gorgullón; e 18, 25 de maio, 1 e 29 de xuño; no Centro Cultural O Burgo —e 3 de agosto, ensaio xeral neste mesmo espazo—. Non é preciso avisar para acudir a estes ensaios.

Porén, todo aquel quen queira cantar só terá que pasar por algunha das prazas ese 12 de agosto. Serán repartidas as letras entre os asistentes, mais tamén haberá códigos QR en varios puntos das prazas para poder descargar as mesmas no móbil se alguén o prefire.


Está pasando!