Presentación de Cantos de Taberna 2024 | © Concello de Pontevedra

Volven os Cantos de Taberna para encher de cancións populares a Boa Vila

22 Xaneiro 2024

  • O grupo Maravallada promove esta iniciativa, de carácter colectivo e musical, que se realizará o último venres de cada mes —agás marzo— en dous establecementos distintos da cidade
  • Como é habitual, cada mes contarase coa colaboración dunha agrupación invitada, sendo neste 2024 as seguintes: Os Firrás, Fonteliño, Malvela e Cantanascroas

Os Cantos de Taberna volverán un ano máis á Boa Vila. A cita, de carácter mensual, converteuse ao longo dos últimos anos nun dos programas máis queridos e populares dentro da programación cultural e de ocio, por mor do seu carácter alegre, tradicional e colectivo.

Así, e como vén sendo habitual, o último venres de cada mes —agás marzo, pola súa coincidencia con Venres Santo—, as xentes de Pontevedra poderán acudir a dous establecementos diferentes co obxectivo de cantar en compañía os clásicos populares do país.

O concelleiro de Cultura de Pontevedra, Demetrio Gómez, explicou que o programa se estenderá desde este mesmo venres, 26 de febreiro, até maio. O edil quixo transmitirlle o seu agradecemento á Asociación Cultural Maravallada por continuar fomentando e elaborando esta iniciativa, representada este ano na presentación do programa por Manolo Espiño e Mariluz Rodríguez. «Fan un esforzo realmente por conseguir unha programación deste calibre, traendo a Pontevedra que se ocupan de recuperar ou manter vivo o espírito destas cancións que a todo mundo lle gusta cantar», indicou.

Así, este ano, as datas e os establecementos para a celebración dos Cantos de Taberna son as seguintes:

  • Venres, 26 de xaneiro – Bar Bogotá / El Huerto del Cura (con Maravallada)
  • Venres, 23 de febreiro – A Navarra / El Milano de los Mares (con Os Firrás)
  • Venres, 22 de marzo – A Gramola / A Adega dos Avós (con Fonteliño)
  • Venres, 26 de abril – A Nasa / Barallocas (con Malvela)
  • Venres, 31 de maio – Balixas / Nasantiña (con Cantanascroas)

O horario das actuacións sempre é o mesmo para todas as datas, comezando ás 21.00 horas no primeiro establecemento, e continuado no seguinte ás 22.30 horas e até ás 00.00 horas.


Cantos de Taberna 2023 | © Maravallada

A visión de Maravallada

As tabernas, a parte de ser establecementos de venda de bebidas, sempre foron lugares de encontro e camaradería, onde se contaban confidencias e se cantaba, porque o canto, as veces, mesturado cunha chisca de viño, fai aflorar os mais fondos sentimentos das persoas.

Ao longo dos anos setenta, comezaron a verse por distintas tabernas o consabido cartel de “Prohibido cantar”, cencenando así o desexo de moitos afeccionados á música de pasar un momento agradable cantando en compaña de bos amigos.

O canto de taberna, polo tanto, debe ser algo compartido, feito entre todos, algo que faga xurdir a participación dos presentes, por eso Maravallada facilita as letras das cantigas para que así os asistentes poidan unirse ao canto.

Historicamente o canto de taberna foi unha manifestación musical onde o instrumento primordial, e na maioría dos casos o único, era a VOZ. As voces podían ir acompañadas dalgún instrumento que normalmente se “fabricaba” de xeito espontáneo, cunchas de vieira, culleres, golpes ben acompasados na mesa ou na barra…, e noutras ocasións podía haber un “músico” que dispoñía dunha guitarra, un acordeón… por ese motivo Maravallada creou unhas bases de participación para os cantos de taberna en Pontevedra onde se priorizan os elementos antes sinalados.

Está pasando!