Xa á venda en Ataquilla.com as entradas para os 9 espectáculos familiares programados para o Nadal no Teatro Principal de Pontevedra

17 Decembro 2020

  • Terán lugar os días 26, 27, 29 e 31 de decembro e 2, 3, 9 e 10 de xaneiro e case todos contarán co pase dobre ás 12 e 18h.
  • Pavís Pavós, Polo Correo do Vento, Baobab Teatro e Migallas serán os encargados de amenizar as vacacións de Nadal a cativada cun total de 15 funcións infantís.
  • O prezo das entradas é de 3€ + gastos e de non esgotarse anticipadamente, a billeteira abrirá de 10 a 11h. para os pases de mañá e de 16 a 17 para os de tarde.

Con ánimo de amenizar as vacacións de Nadal a cativada e familias, e dentro do programa Tempo de Nadal, a concellaría de Cultura de Pontevedra programou un total de 9 espectáculos e 15 pases de diferentes contacontos, contos con música, teatro, monicreques e cantigas da man de compañías da cidade como Pavís Pavós, Polo Correo do Vento, Babobab e Migallas Teatro
Destinados a público infantil e familiar, terán lugar no Teatro Principal entre o 26 de decembro e o 10 de xaneiro case todos eles con pase ás 12 e 18h. para suplir o aforo reducido que permitirá un máximo de 98 espectadores por pase

Cun prezo único de 3€, xa se poden adquirir entradas para todos os espectáculos e pases na venda anticipada de Ataquilla.com e de non esgotarse, de 10 a 111h ou de 16 a 17h. o propio dia do espectáculo. Todos/as asistentes deberán portar entrada independentemente da súa idade.

As butacas, distibuidas en parellas, están destinadas a conviventes e a compra de entradas supón o recoñecemento de tal condición e o cumprimento das medidas sanitarias tanto xeráis como propias do recinto, que recomenda portar máscara a partir dos 3 anos e chegar con marxe para facilitar a acomodación evitando aglomeracións.

26 de decembro ás 12 e 18h. “Historiad da Marquesa” de Pavís Pavós
A tía Valisneria era marquesa. Era marquesa porque casou cun marqués en Bulgaria.
A señora marquesa sempre foi unha viaxeira incansábel.
Cando morreu, aos 112 anos, deixounos unha herdanza fantástica: A súa mala, unha mala chea de historias, que cada vez que a abres podes atopar xigantes e ananos, bruxas e trasnos, apócemas máxicas, viaxes marabillosas, princesas e dragóns.
Duración 50 minutos.
Espectaculo para público familiar a partir de 5 anos.

27 de decembro ás 12 e 18h. “Historias para escorrentar o frío” de Pavís Pavós
O Nadal é o que ten. Que vai frio.
Non hai Nadal sen frío e non hai Nadal sen contos. E o mellor para escorrentar o frío son as historias nas que vai frío como a do neno que foi á casa do vento nordés, ou aquel ratiño que querendo ir a África acabou no Polo Norte, ou aquela que …
E canto máis, mellor.
Duración 50 minutos.
Espectaculo para público familiar a partir de 5 anos.

29 de decembro ás 12h. “Periplo de Nadal” de Polo Correo do Vento
Panchito é un pingüín galego, e como todos os rapaces da súa aldea ten moitas ganas de viaxar… Unha versión moi libre do clásico de Castelao adaptada para o público máis cativo neste contacontos con música.
Duración aproximada: 60 minutos.
Idade recomendada: A partir de 6 anos.

29 de decembro ás 18h. “O esquío rampante” de Polo Correo do Vento
O carballo onde vive Cósimo está doente. Só unha gata meiga que fai esconxuros con manteiga o poderá sandar. Mais vive moi lonxe… Contacontos con música ao vivo.
Duración aproximada: 60 minutos
Idade recomendada: A partir de 6 anos.

31 de decembro ás 12h. “O lobo e a lúa” de Baobab Teatro.
Había unha vez un pequeno lobo que vivía no Prado Azul
e precisaba falar coa Lúa, era moi importante o que lle tiña que dicir, como a lúa estaba moi lonxe non lle escoitaba, así que o lobo tiña que berrar, cos seus berros non deixaba durmir a ninguén, nin a Nina a tartaruga, nin a Duarte o elefante, nin a Miñao o gato malvado. No seu intento de falar coa lúa coñece a Mariano, un rato falador e divertido que lle axudará, ou quizais non. No prado azul esta noite, ninguén pode durmir!
O lobo e a lúa é unha peza teatral tenra, divertida e intrigante onde os seus personaxes conviven a pesar das súas diferenzas, Ninguén é tan bo como aparenta nin tan malo como parece Un espectáculo que transcorre sempre de noite, á luz da LÚA. Unha historia de amizade, superación dos propios medos e de amor.
O Lobo e a Lúa é un espectáculo pensado para público familiar a partir de 2 anos. Duración de 50 minutos.

2 de xaneiro ás 12 e ás 18h. “Cantacontos” de Migallas Teatro
En “Cantacontos” os contos tradicionais ou de creación propia son arrequentados con cancións, música ou sons que contribúen a espertar emocións nos nenos e nenas. Todos os contos tratan cuestións próximas aos/ás nenos/as e convídanos a participar no seu desenlace. As cancións complementan os seus contidos.
Duración: 50 minutos.
Idade: a partir de 3 anos.

3 de xaneiro ás 12 e ás 18h. “Merenda con pan de millo” de Migallas Teatro
“Merenda con pan de millo” é un espectáculo baseado no Libro-disco Pan de millo, editado pola Editorial Kalandraka e coa produción musical a cargo de Paulo Nogueirae Magoia Bodega, do grupo Treixadura. Nel combínanse cancións e narración oral, co proceso de elaboración do pan de millo como fío condutor. Os temas musicais que se interpretan son: “Pan de millo”, “O piollo e a pulga”, “Unha vella tiña un can”, “Que cousa, cousiña é?” e “Miña Abuela Manuela”. A música está gravada (toca unha banda de pulgas) mais as voces solistas son en vivo.
Duración: 50 minutos. Idade: a partir de 3 anos.

9 de xaneiro ás 12 e ás 18h. “Pum, Pum” de Baobab Teatro
Marieta é unha nena coma calquera nena de 5 anos, ela está rodeada de portas, portas que se abren e contan historias, historias que teñen música e cantan cando Marieta quere, pero Marieta ten unha porta que garda un segredo. Un segredo que nunca contou e que ninguén escoitou.
Pum Pum é un espectáculo tenro para nenos/as a partir de 5 anos que fala de historias cotiás que lles pasan aos nenos/as destas idades, pero tamén fala dunha mensaxe clara: dende moi pequenos deben saber que ninguén lles pode obrigar a facer cousas que non queren. Ten unha duración de 50 minutos.

10 de xaneiro ás 12 e ás 18h. “Luppo” de Baobab Teatro
Luppo é un home maior que vive só e todos os días, ás doce en punto de cada mañá, acende o seu gramófono e escoita ópera. Sempre a mesma canción. Ten un amigo, Tulún, un neno que cada mañá lévalle o pan, as especias e o xornal. Luppo cóntalle a Tulún moitas historias da súa vida. Unha mañá, Tulún chega coa compra e Luppo non está…
“Luppo” é un espectáculo que fala do ciclo da vida, do apego cara as persoas que nos rodean, en particular aos nosos maiores e da importancia das historias que construimos ao longo da vida.. Luppo” está pensado para pequenos a partir de 4 anos e para adultos que queiran gozar coma nenos. Ten una duración de 50 minutos.


PROGRAMA “TEMPO DE NADAL” (↓)

Está pasando!