Xeve quere recuperar o dinamismo anterior á pandemia e vibrará cun entroido de verán de seu

26 Agosto 2022

A asociación Sondexeve promove e organiza esta cita, prevista para o sábado 27 de agosto, na que haberá atraccións, música e comida


A concelleira Pilar Comesaña presentou o pasado mércores, en rolda de prensa, para apoiar e presentar a creación do Verántroido de Xeve, un entroido de verán que ten por obxectivo unir á toda a parroquia pontevedresa —mesmo con outras— e dinamizar na última fin de semana de agosto toda a zona, co fin de socializar, rir e achegarse aínda máis a esa normalidade previa á pandemia, que tantos estragos fixo nas actividades culturais e de ocio que antes se facían no rural.

«Sondexeve son moi festeiros, moi amigos de unir á parroquia, e viron a posibilidade de facelo deste xeito, facer o primeiro entroido de verán, contando con que isto sexa un empurrón para que anos seguintes continúe», explicou a edil. «Están traballando a reo todos os veciños e veciñas, hai moitos implicados, e teñen unha ilusión tremenda en que esta festa vaia para adiante, que haxa animación, e de seguro sairá ben. Pediron a nosa colaboración, a do Concello, e aquí estamos, por suposto, favorecendo a unión das parroquias, a unión da veciñanza e a dinamización do noso rural».


Presentación do Verántroido de Xeve | © Concello de Pontevedra

Manuel Hermida, presidente da asociación cultural Sondexeve, explicou que colleron as ideas que foron chegando pero que esta, de xeito especial, prendeu «coma prende un misto nos montes como están agora» e «topamos cunha extraordinaria colaboración da xente e das firmas comerciais á hora de sacar adiante isto». «Estamos moi agradecidos, e vese que hai gana de celebrar, de festexar, de pasalo ben. Hai que volver a economía e o noso ocio a través destes pequenos eventos que nacen con vontade de continuar e de establecerse».

A asociación lembra que está todo o mundo invitado a participar a acudir a esta cita, que terá lugar o sábado 27 de agosto, no atrio e antigo concello de Santa María de Xeve.

A partir das 17.30, haberá inchables e toro mecánico —todas as atraccións serán de balde— e unha charanga amenizará e porá música de ambiente. Ás 21:00 horas comezará a actuación de Dan Ale, cantante e artista galego que pasou polo Luar e outros programas da Televisión de Galicia; e de seguido continuará a festa coa actuación dos picadiscos Josinho e Bruno.

Desde a asociación explican que haberá servizo de barra da Cantina de Riaxo, amais de comida enforma de bocadillos e filloas. Por suposto, e sendo un entroido de verán, tamén se procederá a realizar un sorteo entre todos aqueles que acudan co seu disfrace.


Está pasando!