Xullo remata na Guarda con programación para os máis pequenos e o concerto do Grupo Klason

27 Xullo 2021

Nesta semana que remata o mes de xullo retomaranse as actividades infantís que deberon ser canceladas no inicio do mes de xullo por mor da choiva: o espectáculo de maxia de Cayetano Lledó ‘Titanic’,o venres 30 no Auditorio de San Benito ás 20:30 horas, que dende a maxia e o humor nos transporta aos preliminares da viaxe do Titanic contando o que a historia oficial non recolleu e é que o barco fixo escala en Galicia.

O espectáculo pensado para entreter a toda a familia, precisa de inscrición previa a través do correo electrónico centrocultural@aguarda.es, para aqueles que non estaban anotados na súa data orixinal do 3 de xullo. Mentres o sábado pola mañá terá lugar o pasarrúas ‘O séquito do Capitán Nemo’, entre a Praza de Avelino Vicente e o Porto da Guarda ás 12:30h. que encherá de fantasía ambientada no mundo mariño e submarino as rúas da vila.

Xa pensando no público adulto, o día 30 será o derradeiro ‘Venres de xullo baixo as estrelas’ no Puntal, que tan bo éxito foi acadando durante todo o mes. Os interesados en asistir deberán reservar a súa praza en aguarda.oficina.turismo@gmail.com, xa que contan cun aforo moi limitado.

Mentres que o sábado á noitiña volverá a música á Praza do Reló (21:00h.) da man do grupo de clarinetes Klason, unha formación xurdida do seo da Agrupación Musical do Rosal para traballar a música de cámara, incorporando un variado repertorio que vai dende a música popular, a música de escena, o barroco, o clásico, romántico e contemporáneo. Ao igual que no resto de actividades para asistir é preciso a inscrición previa en centroultural@aguarda.es

Pola súa banda no Monte de Santa Trega continúan as visitas regulares aos diferentes elementos do Monte dende o xoves ata o domingo, debendo reservar as prazas no mail masat@aguarda.es e lembramos que a sesión de Teatro no Trega ‘A viaxe de Exeria ao castro’ desta semana está suspendida ata o vindeiro catro de agosto.

Está pasando!