Yolanda Castaño, Premio Nacional de Poesía 2023, será a pregoeira da LVI Feira do Cocido de Lalín

16 Xaneiro 2024

  • A poeta, filóloga, tradutora e activa e premiada xestora cultural con case trinta anos de traxectoria profesional, que ten traballado na televisión, conta no seu haber con numerosos recoñecementos, entre os máis recentes atópanse tamén o de Premio da Cultura Galega das Letras, o de “Galega do Ano 2023” e o Premio Ramón Piñeiro de Ensaio
  • Conta coa súa propia Residencia para Escritores/as na Coruña e desde 2009 dirixe obradoiros de tradución poética, festivais e ciclos mensuais de poesía
  • A súa obra apareceu representada en multitude de revistas, libros colectivos e antoloxías, así coma en numerosos encontros e festivais de máis de corenta países de Europa, América, África e Asia, téndose traducido en parte a máis de 30 idiomas

O alcalde de Lalín, José Crespo Iglesias, vén de dar a coñecer o nome da que será a pregoeira da LVI Feira do Cocido: a Premio Nacional de Poesía 2023, Yolanda Castaño. Nada en Santiago de Compostela (1977) é poeta, filóloga, tradutora, videocreadora e unha activa e premiada xestora cultural coa súa propia Residencia para Escritores/as na Coruña. No ano que vén de finalizar tamén obtivo o Premio da Cultura Galega das Letras, o “Galega do Ano 2023” e o Premio de Ramón Piñeiro de Ensaio 2023.

Dende 2009 dirixe obradoiros de tradución poética, festivais e ciclos mensuais de poesía sempre con autores/as galegos/as e internacionais.

Foi dúas veces Premio Nacional da Crítica (1998 e 2022), Premio Espiral Maior 2007, Premio Ojo Crítico 2009, Premio Fundación Novacaixagalicia, Premio Irmandade do Libro “Autora do Ano” 2014, Premio González-Garcés, “Galega do Ano 2023” e Premio da Cultura Galega ademais de Premio Nacional de Poesía, entre outros.

Conta con sete poemarios individuais, edicións bilingües (galego-castelán) para o resto de España e Latinoamérica, libros publicados en inglés, francés, catalán, italiano, serbio, macedonio, esloveno e armenio, plaquettes editadas en alemán, francés, croata, macedonio, grego e chinés, varias antoloxías –con música, bilingües, en cómic poético…– e mais sete libros de poesía infantil, ademais doutras obras publicadas como editora, biógrafa ou tradutora de poetas contemporáneos.

Traballou durante anos en TV (Premio Mestre Mateo da Academia Galega do Audiovisual) e recibiu bolsas como Escritora en Residencia en Rodas (Grecia), Múnic, Beijing, Escocia, Andalucía, Finlandia, California e Turquía.

Con case 30 anos de traxectoria profesional na poesía, desenvolve experiencias que fusionan a escrita coa plástica, música, performance, arquitectura, danza, audiovisual, cómic, cine en 360º ou mesmo coa cociña, xa sexa soa ou en colaboración con outros/as artistas.

A súa obra apareceu representada en multitude de revistas, libros colectivos e antoloxías, así coma en numerosos encontros e festivais de máis de corenta países de Europa, América, África e Asia, téndose traducido en parte a máis de 30 idiomas. O seu último poemario é Materia (Premio da Crítica Española 2022 e Premio Nacional de Poesía 2023), mentres que o máis recente dirixido á rapazada é “Paleta Planeta” (Baía, 2021).

Está pasando!