Zahara, Fernando Costa, Coque Malla ou Treixadura, entre os artistas que actuarán nas Festas da Peregrina este agosto

13 Xullo 2022

  • Juancho Marqués e Camela tamén figuran na listaxe de espectáculos que a praza do Concello acollerá entre o o 13 e o 21 de agosto, restando aínda dous grandes nomes por presentar
  • O programa completo da Peregrina será presentado nos vindeiros días, especificando polo miúdo o resto de actividades e citas: máis concertos, actividades infantís, lanzamento de fogos artificiais, etcétera 

O departamento de Festas do Concello de Pontevedra fixo público un adianto do cartel de artistas que este ano encherán de música a praza do Concello co gallo das Festas da Peregrina. Entre o 13 e o 21 de agosto, seguindo a tradición, o escenario deste lugar acollerá un espectáculo de primeiro nivel.

Polo momento, Zahara, Fernando Costa, Coque Malla, Treixadura, Juancho Marqués, Camela e o espectáculo infantil ‘O Pequeno Rei da Sabana’ son os confirmados para ensinar as súas melodías e os seus concertos ao carón da alameda de Pontevedra.

Cómpre indicar que aínda restarían un par de nomes por ser revelados e que serán anunciados nos vindeiros días, xunto coa programación ao completo das Festas da Peregrina, que incluirá actividades infantís, os concertos da praza da Ferraría ou o lanzamento de fogos artificiais.

De novo, a aposta desde o Concello é a de amosar un cartel variado, con nomes nacionais e estatais, de estilos e xéneros diversos, cun gran poder de convocatoria e cunha mestura de artistas actuais con outros xa de fonda carreira.

Programación por días:

  • Domingo 14 de agosto – Zahara
  • Luns 15 de agosto – Coque Malla
  • Martes 16 de agosto – Fernando Costa
  • Mércores 17 de agosto – Treixadura
  • Xoves 18 de agosto – ‘O Pequeno Rei da Sabana’
  • Venres 19 de agosto – Juancho Marqués
  • Domingo 21 de agosto – Camela
Está pasando!