Marga Caldas e Raquel Rodríguez | © Concello de Poio

A segunda edición de ‘Verbas en Flor’ pon en valor a tradición, a cultura, a lingua e a memoria histórica

28 Marzo 2022

A concelleira de Cultura, Raquel Rodríguez, deu a coñecer este venres, acompañada pola edil de Normalización Lingüística e Memoria Histórica, a tamén nacionalista Marga Caldas, o contido da segunda edición do programaVerbas en Flor’, unha axenda especial que recolle un gran número de actividades e obradoiros que teñen como eixo principal a historia, a cultura e a lingua galega, e que se desenvolverán no municipio ao longo da primavera. Son iniciativas que, tal e como explicou a edil do Goberno local, “poñen o foco na tradición, na memoria histórica, no coidado polo medio ambiente ou no respecto e promoción da lingua galega” e que están pensadas para públicos de todas as idades.

O groso desas citas desenvolveranse nos centros educativos, así como no Centro Cultural Xaime Illa de Raxó, no Casal de Ferreirós e na Biblioteca Municipal de Campelo. “Verbas en Flor tamén dará cabida ás diferentes actividades e propostas que o tecido asociativo do concello porá en marcha nos vindeiros meses”, engade a concelleira do BNG.

Un dos primeiros ciclos de actividades que se desenvolverán dentro deste programa son as correspondentes á conmemoración do Día Da Árbore. Así, entre o luns 28 e o mércores 30 de marzo alumnos e alumnas de diferentes centros educativos tomarán parte en obradoiros sobre educación ambiental, ofrecidos por O bosque na maleta.

A reivindicación do uso da lingua galega no día a día e no ensino tamén é outra das cuestións nas que se incide a través de Verbas en Flor. É por iso polo que a campaña ‘O que se dá non se quita’ cobrará especial protagonismo nestes meses. Trátase dunha iniciativa que foi impulsada desde a Concellería de Normalización Lingüística para fomentar a utilización da lingua do país. Impulsaranse charlas e coloquios para axudar á mocidade a detectar e suprimir prexuízos vencellados á fala en galego, tal e como apuntou a edil titular da área, Marga Caldas. No apartado de Memoria Histórica, Raquel Rodríguez anunciou que entre o 4 e o 18 de abril abrirase a exposición Acorda: cartografía visual da memoria de Pontevedra, á que se engaden actividades como a proxección do documental Acorda, presentado por Montse Fajardo.

Ao igual que na edición de 2021, nesta ocasión a Concellería de Cultura tamén aposta por incluír na programación dúas citas emblemáticas da primavera en Poio, como son a Festa dos Maios e a conmemoración do Día das Letras Galegas, que este ano ten como protagonista ao escritor Florencio Delgado Gurriarán, e que incluirá a Festa das Letras, do 13 ao 18 de maio.  Aquí cobra especial importancia o XXX Certame Literario Xaime Illa Couto, cuxo prazo de presentación de relatos e poemas aínda está aberto.

O programa complétase coas proxeccións que forman parte do Ciclo Mestre Mateo e con sesións de contacontos e actividades literarias dirixidas ás crianzas e á rapazada, tanto na Biblioteca Municipal como no propio Xaime Illa. “Unha vez máis, apostamos pola nosa lingua, a nosa historia e a nosa tradición para ofrecer á cidadanía unha programación do máis completa nunha estación tan especial como é a primavera”, conclúen Raquel Rodríguez e Marga Caldas.


Está pasando!