A programación do Cineclube Pontevedra volve en marzo ao Teatro Principal

24 Febreiro 2021

O Cineclube Pontevedra fará que viaxemos lonxe durante as vindeiras semanas: dende as terras de Braguine, no medio da taiga siberiana, ata a aldea da anciá Mantoa, en Lesotho; da Floresta do Tijuca e diferentes museos e centros de conservación cuxo nome non nos é revelado até o centro de detención de solicitantes de asilo en Holot, en Israel.

Os horarios continúan coma antes do peche: todas as sesións comezarán ás 19:30 h. Dende as 18:30 h. estará aberta a billeteira do Principal para que a adquisición das entradas sexa o máis ordeada e espaciada posible.


MARTES 2 | 19:30 | TEATRO PRINCIPAL DE PONTEVEDRA


BRAGUINO

Braguino

Clément Cogitore, 2017, Francia/Finlandia, 50 min., VOSE

Idioma orixinal: ruso

Na taiga siberiana, dúas familias viven illadas a máis de 700 kilómetros da aldea máis próxima. Non se falan entre elas e réxense polas súas propias normas e leis. Entre as dúas, o río actúa coma fronteira mais tamén como lugar de encontro entre as crianzas das dúas familias, onde crean novos vencellos, alleos aos conflitos adultos, guiadas unicamente pola imaxinación. Nas profundidades de Braguino, entre os inmensos bosques, onde o goce de vivir na natureza se mestura co medo ao outro e ás bestas salvaxes, irase destapando unha historia cruel, ligada a un conflito ancestral que demostra que ningún paraíso é doado de sobrelevar.


MARTES 9 | 19:30 | TEATRO PRINCIPAL DE PONTEVEDRA


THIS IS IS NOT A BURIAL, IT’S A RESURRECTION

Non é un enterro, é unha resurrección

Lemohang Jeremiah Mosese, Lesotho, 2019, 120 min., VOSE

Lingua orixinal: sesoto

Nas montañas de Lesotho, un país sen saída ao mar, unha viúva de 80 anos que chora a morte do seu fillo pon orde nos seus asuntos, prepara o seu enterro e agarda a morte. Mais cando a súa aldea se ve ameazada pola construción dunha presa, as ganas de vivir apodéranse dela e é quen de espertar un espírito colectivo de resistencia na súa comunidade. É entón, nos derradeiros intres da vida, cando se forxa a lenda de Mantoa.


MARTES 16 | 19:30 | TEATRO PRINCIPAL DE PONTEVEDRA


THOSE THAT, AT A DISTANCE, RESEMBLE ANOTHER

A imaxe e semellanza

Jessica Sarah Rinland, 2019, Reino Unido, Arxentina, Galiza, 67 min., VOSE

Lingua orixinal: inglés, portugués, español

Filmado en distintos parques nacionais, institutos de preservación, museos de historia natural, de arte e laboratorios de arqueoloxía, entre outros, Those That, at a Distance… explora a necesidade humana da conservación —museolóxica e ecolóxica—, tendo coma protagonista o cabeiro de marfil dun elefante. Coma se fose a lente dun microscopio que acada a ver aquilo ao que non chega o ollo humano, o filme de Rinland é minucioso e delicado, atravesado por mans, obxectos e ferramentas. Un convite á reflexión sobre a xénese das imaxes e a reprodución como modo de creación.


MARTES 23 | 19:30 | TEATRO PRINCIPAL DE PONTEVEDRA


BEIN GDEROT

Entre reixas

Avi Mograbi, 2016, Francia/Israel, 85 min., VOSE

Lingua orixinal: hebreo, tigriña, árabe

Holot é un centro de detención de solicitantes de asilo procedentes de África en pleno centro israelí. Chen Alot e Avi Mograbi deciden facer un obradoiro de teatro segundo os principios do Teatro do Oprimido do brasileiro Augusto Boal. O proceso comeza cos solicitantes de asilo narrando escenas da súa propia vida, mais a dinámica muda cando se involucran tamén os israelís. Poden a interpretación e os cambios de rol axudar a entender mellor outros puntos de vista?


O Cineclube Pontevedra é unha asociación sen ánimo de lucro cuxo funcionamento e financiamento depende fundamentalmente das achegas económicas que realizan periodicamente as súas socias e socios, cara a quen están dirixidas as súas actividades.

Asóciate!

Está pasando!