Presentación da 42ª Semana Galega de Filosofía | Concello de Pontevedra

A 42ª Semana Galega de Filosofía celebrarase do 6 ao 10 de abril baixo o lema ‘Filosofía e alimento’

5 Marzo 2026

O evento celebrarase do 6 ao 10 de abril no Teatro Principal de Pontevedra, en horario de 10.30 a 22.00 horas, tratando unha temática actual, lembrando problemáticas como a desigualdade xerada polo alimento, o estrago da comida por intereses económicos ou a vital produción de proximidade


O alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, e o presidente da Aula Castelao de Filosofía, Alexandre Cendón, adiantaron os detalles da 42ª edición deste congreso internacional. O evento celebrarase no Teatro Principal do 6 ao 10 de abril, en horario de 10:30 a 22:00 horas, comezando xusto despois da Semana Santa, o luns de Pascua.

O alcalde destacou o orgullo que supón para a cidade ser, durante eses días, “a capital do pensamento e da filosofía” de Galiza, e puxo en valor o grande esforzo ininterrompido que leva facendo a directiva da Aula Castelao ao longo de máis de catro décadas.

Lores subliñou a profunda vixencia do tema escollido, lembrando os problemas actuais de “desigualdades do acceso ao alimento”, o estrago de comida por intereses económicos, e a vital importancia da produción de proximidade para reducir a pegada de carbono e protexer o planeta.

Pola súa banda, Alexandre Cendón aproveitou o encontro para agradecer o apoio continuado da Concellaría de Cultura e do alcalde, sinalando que sen este respaldo “sería imposible realizar a Semana Galega de Filosofía”. O presidente da Aula Castelao explicou que a vocación do congreso é achegar a filosofía á cidadanía, fuxindo dun enfoque meramente académico.

Sobre a temática principal, Cendón reflexionou sobre como o alimento é “ese cordón umbilical que nos liga co mundo”, lembrándonos a nosa corporalidade e materialidade. Sinalou que, fronte á narrativa neoliberal que insiste en que somos persoas estritamente autónomas e emprendedoras, a alimentación demostra que somos “seres heterónomos” que dependemos dos demais e da nosa contorna.

O congreso tamén abordará de forma crítica a “sociedade do espectáculo” e das pantallas, que nos distrae do que realmente nos nutre e xera problemas derivados dunha mala alimentación no primeiro mundo. Ademais, debaterase a fondo sobre a fame como arma de guerra na actualidade, denunciando especificamente a situación en Gaza, onde “o estado israelí está utilizando a fame para aniquilar o pobo palestino”.

Aínda que a presentación formal e completa do programa terá lugar a vindeira semana, Cendón adiantou que o evento manterá a súa estrutura habitual:

  • As mañás dedicaranse a conferencias con maior profundidade filosófica, contando con cinco relatores.
  • As tardes centrarán o debate na relación do alimento con Galiza.
  • As noites ofrecerán contidos dende unha perspectiva máis divulgativa.

Entre os participantes confirmados atópase o sociólogo e profesor arxentino Matías Bruera, que será o encargado de abrir a semana falando sobre a fenomenoloxía do alimento, nun esforzo da organización por “darlle voz ao sur global”.

Tamén participará a filósofa e profesora da Universidade de La Laguna, María José Guerra Palmero, quen disertará sobre a cuestión do alimento en relación coas mulleres e o ecofeminismo.

Está pasando!