Participantes no proxecto cultural CeibaRimas | CeibaRimas

A Alameda de Pontevedra acollerá a quinta edición do CeibaRimas, o único proxecto de rap improvisado en galego

13 Outubro 2025

Trátase da quinta edicion dun proxecto cultural, único na súa especie, e contará coas actuacións de Hugo Guezeta, Nadie González ou Os Fortes


O vindeiro 18 de outubro, a Alameda de Pontevedra acollerá o 5º aniversario do CeibaRimas, o único proxecto de rap improvisado en galego. A competición, aberta a todo o público con inscrición gratuíta, repartirá máis de 1.000 euros en premios.

O programa complétase con música en directo para facer da cita unha auténtica velada cultural. Actuarán Hugo Guezeta e Nadie González, e ademais haberá un espazo de artistas emerxentes con concertos breves de Pappaquino, Queen Rendi, Misoskatos, Os Fortes e Area Rosae, que achegarán frescura e novas propostas á escena do rap en galego.

O evento contará con servizo de barra, carpa en caso de choiva e todo o necesario para gozar dunha tarde de cultura urbana na nosa lingua. Como novidade, esta edición poderá verse días despois na plataforma Agalega.gal da TVG, reforzando así o obxectivo de CeibaRimas: demostrar que “o freestyle en galego existe” e está a medrar con forza.

O principal obxectivo de CeibaRimas é a difusión e promoción do uso da lingua galega entre a mocidade. Para iso, utilízase o rap improvisado (freestyle), unha disciplina que acumula millóns de visualizacións nas competicións de fala hispana.

CeibaRimas tamén busca afastarse das habituais dinámicas machistas que adoitan acompañar as batallas de galos, para crear un formato máis feminista e inclusivo no que se valore a improvisación e a creatividade por riba da confrontación.

A Gran Final, que se prolongará por unhas 5 ou 6 horas en total, é o colofón dunha serie de eventos clasificatorios repartidos por toda Galiza. Na competición, os participantes enfróntanse en batallas onde deben desenvolver diferentes xogos de improvisación sobre bases musicais de hip-hop, como rimar utilizando certas palabras dadas, rimar sobre unha temática, ou defender posturas opostas.

As fases serán valoradas por un xurado composto por 5 persoas expertas na escena hip-hop e na lingua. Nesta edición, o xurado estará formado por High Paw, Hugo Guezeta, Nadie González, Frank Huxley e Alba María. Os criterios de puntuación comúns valorarán as rimas, a técnica, a posta en escena e o uso da lingua, entre outros aspectos.

Este proxecto tamén se enfoca na creación de referentes e de precedentes de competición de rap improvisado en galego, e en dotar á mocidade de recursos para o adestramento desta disciplina artística en galego, onde antes só existían recursos en castelán.

Está pasando!