A artista multidisciplinar Olalla Buceta López presenta en Marín a exposición pictórica ‘De camiño a Ítaca’

14 Outubro 2025

O vindeiro venres, 17 de outubro, ás 20:00h, inaugúrase na sala do Ateneo Santa Cecilia a exposición da artista vilagarciana Olalla Buceta López, que leva por título: ‘De camiño a Ítaca’.

En palabras da propia artista:

“E se as cidades non fosen lugares senón estados da alma?

Presento unha serie de obras onde a arquitectura se disolve, os contornos se desvanecen e o urbano se volve emoción. Non hai rúas, nin edificios recoñecibles, exceptuando 4 localizacións: Vilagarcía, Carril, Ourense e Pontevedra, coa súa Ponte do Burgo e a Praza do Peirao.

Os trazos de espátula e a mestura directa dos acrílicos na tela xeran néboas de cor, ritmos que evocan construcións sen nome; podería ser unha torre, un castelo, unha muralla, unha ponte, unha fronteira, unha ruína, unha ría, un lugar posible de habitar, unha cidade soñada… Espazos en distintas horas do día, da noite, da brétema… en calma ou buliciosos, de soño ou recoñecibles… Non hai pretensión ningunha de chegar a Ítaca senón de gozar do proceso, do traxecto.

Esta exposición non fala de urbes concretas, senón da forma en que o construído nos habita por dentro. Siluetas, luz entre volumes, reflexos, escintileos… que quedan gravados en nós. Como metáforas de desexos, de medos, de sensacións máis que de recordos… Unha invitación a perderse e a atoparse en lugares que nunca existiron pero que recoñecemos como propios.”

A exposición, comisariada por Antón Sobral e Antón Castro, estará aberta ao público do 17 ao 31 de outubro.

Poderase visitar de luns a venres, en horario de 18:00 a 20:30 h.

A entrada é de balde ata completar aforo.

Está pasando!