A Aula CeMIT de Combarro ofrecerá un total de once sesións formativas gratuítas durante o mes de febreiro

1 Febreiro 2023

A Aula Cemit de Combarro, situada na antiga Escola do Campo, incrementa a súa oferta formativa gratuíta durante o mes de febreiro.

Serán un total de once os cursos de balde que se ofertarán nestas dependencias, en horario de tarde. Ademais, tal e como lembra o concelleiro de Novas Tecnoloxías, Xulio Barreiro, seguirá operativa a Aula Aberta, con acceso libre previo rexistro do usuario ou usuaria, de luns a venres entre as 19.30 e as 21.00 horas. Nese horario tamén estarán as instalacións operativas para acoller cursos ou iniciativas organizadas por parte de asociacións e organizacións do concello, previa solicitude.

A primeira proposta comezará o luns 6 de febreiro e será o curso de iniciación ao procesador de texto LibreOffice Writer, que durará toda a semana e contará cunha edición tamén para persoas con nivel medio, entre os días 13 e 17. Ademais, entre os días 6 e 8 tamén se darán pautas sobre o manexo do móbil smartphone, mentres que o xoves e o venres 10 haberá un ciclo para aprender a gardar datos na Nube.

Outro dos ciclos a destacar nesta programación será o de edición de imaxes a través da ferramenta GIMP, unha das máis empregadas e recoñecidas no eido do software libre. Estas clases serán do 13 ao 16 de febreiro, mentres que o venres 17 terá lugar un curso sobre trámites on line, para efectuar xestións telemáticas. Xa o día 20, comezarán as clases de iniciación ás follas de cálculo con LibreOffice Calc. Entre os días 20 e 24 comezará o curso de iniciación á creación da páxinas web.

A parte final da programación completaranse, entre os días 27 de febreiro e 4 de marzo, con outros contidos, como a elaboración de blogs persoais ou a realización de videoconferencias a través de Facebook, Skype e Google. En total, durante o mes de febreiro as horas de formación gratuíta serán de preto de 70. O concelleiro de Novas Tecnoloxías lembra que a Aula Cemit contou no 2022 con aproximadamente 500 usuarios e usuarias de diferentes idades.

As inscricións e solicitudes para anotarse nestes cursos poderán facerse enviando un correo electrónico a cemit.poio@xunta.gal ou na propia Aula de Combarro. Tamén é posible facer esta xestión chamando por teléfono ao 986 770 001 (extensión 1321), en horario de 16.00 a 21.00 horas.

Está pasando!