Presentación da 2ª parte do Ciclo de Butaca da BMP | Concello de Pontevedra

A Banda de Música de Pontevedra retoma o Ciclo de Butaca ‘Vento en popa a toda vela’ este sábado ás 20:00 horas no Teatro Principal

23 Xaneiro 2026

  • Esta primeira cita contará con Víctor M. Vilariño como director convidado e terá os fenómenos da natureza como tema central.
  • O Teatro Principal acollerá a totalidade das cinco actuacións que terán lugar con entrada libre os sábados 24 de xaneiro, 28 de febreiro e 21 de marzo ás 20.00 horas e os domingos 26 de abril e 31 de maio ás 12:00 horas.

O edil de Cultura Demetrio Gómez presentou, acompañado dunha representación da Banda de Música de Pontevedra, a que será a segunda parte do seu Ciclo de Butaca que, na tempada 25-26 leva por título ‘Vento en popa a toda vela’.

O edil destacaba a “intensa e potente” vida cultural coa que conta a cidade que, “non remata este sábado coa gala dos Feroz. De feito este sábado temos o primeiro dos concertos da segunda parte da tempada do Ciclo de Butaca que terá un concerto cada mes ata o mes de maio.

Todos eles terán lugar no Teatro Principal: os tres primeiros (xaneiro, febreiro e marzo) os sábados ás 20:00 horas e os dous seguintes (abril e maio) os domingos ás 12:00 horas. Todos os concertos son con entrada de balde ata completar a cabida do teatro e convidamos a todos os veciños e veciñas de Pontevedra a gozar deste luxo musical que é a Banda de Música de Pontevedra e a súa programación”.

O músico Víctor Fernández foi o encargado de debullar un programa que “dá continuidade ao ciclo e vai contar en total con cinco concertos: no primeiro deste sábado contaremos como director convidado con Víctor M. Vilariño, un dos grandes talentos dentro da dirección de banda aquí en Galicia, que chega co concerto ‘Cantos da natureza’ onde todos os temas que se van interpretar están relacionados cun fenómeno natural.

En febreiro o día 28 teremos ‘Raigame’ onde imos interpretar pezas relacionadas coas raíces musicais galegas. O 21 de marzo celebrarase o concerto ‘Dende a sétima arte’, con pezas de bandas sonoras moi recoñecibles, interesantes para todos os públicos. O 26 de abril faremos o concertó ‘Peregrinaxe das danzas’ que contará coa colaboración dun alumno/a do CMUS Manuel Quiroga como solista nunha peza, escollido a través dun concurso organizado polo Conservatorio.

Para pechar, o 31 de maio daremos ‘Un paseo por Broadway’ coa colaboración da soprano Marina Penas e o barítono Pedro Martínez”.

Fernández que quixo dar visibilidade ao cartel que “ao igual que o da primeira parte no que debuxou unha goleta, é obra do artista do Grove Carlos Besada, que desta volta debuxou dúas dornas” salientou que “son concertos abertos para todo o público co idea de chegar ao maior número de xente e de idades. Queremos convidar a todo o mundo porque van gustar moito”.

24 de xaneiro – Sábado ás 20:00 horas

‘Cantos da natureza’ con Víctor M. Vilariño, director convidado

28 de febreiro – Sábado ás 20:00 horas

‘Raigame’. Músicas con identidade

21 de marzo – Sábado ás 20.00 horas

‘Dende a sétima arte’

26 de abril – Domingo ás 12:00 horas

Peregrinaxe das danzas coa colaboración do Conservatorio Profesional Manuel Quiroga de Pontevedra

31 de maio – Domingo ás 12:00 horas

‘De paseo por Broadway’ con Marina Penas (soprano) e Pedro Martínez (barítono).

Está pasando!