Santa María a Maior

27 Xullo 2020

Denominada coma a perla da arte galega por López Ferreiro e declarada Monumento Histórico Artístico en 1931, a basílica de Santa María érguese como o máis fermoso exemplo de arquitectura relixiosa da cidade de Pontevedra. Conxugando á perfección o Gótico tardío co Renacemento, a súa construción vai da man do máximo esplendor de Pontevedra en relación co mar nos séculos XV e XVI.

A IGREXA E O GREMIO DE MAREANTES

A basílica ocupa o cumio dun montículo situado no núcleo primitivo da cidade no que xa existía con anterioridade unha pequena igrexa románica adicada a Santa María. Segundo os documentos conservados podemos retroceder ata ou século XII para atopar as primeiras noticias en relación a esta construción, pois foi nesta época cando Fernando II de León concede a metade das rendas que producía esta igrexa ao mosteiro beneditino de Poio. A finais do século XV ou comezos do XVI derribouse este templo e comezouse a que sería a actual igrexa.
As obras déronse por finalizadas no ano 1559, como indica a inscrición gravada nunha clave de bóveda no interior da basílica. Non obstante, documentos datados no ano 1570 indican que aínda neste ano faltaban moitos aspectos por finalizar, por exemplo a Torre das Campás.

O promotor do novo templo litúrxico foi o gremio de Mareantes do Corpo Santo, cuxos integrantes habitaban na Moureira, un activo e puxante barrio mariñeiro situado na contorna do Lérez.

O INTERIOR DA IGREXA

As trazas para a construción foron dos mestres Juan de Cuetos, Mateo López, Cornelis de Holanda e Diego Gil. A edificación, enlazando de maneira harmoniosa formas do gótico tardío e renacentistas converte ó conxunto nun dous máis espectaculares exemplos de arquitectura do XVI en España.

O sentido espacial da edificación é clásico, cunha planta basilical con capelas laterais, outorgando ao conxunto unha forma cruciforme. A impresión de amplitude percíbese no seu interior, ao observar a unidade espacial das súas naves, o presbiterio e as capelas. Todo cuberto con impresionantes bóvedas de crucería, principalmente trazadas polo mestre Diego Gil.

No Museo de Pontevedra pódese ver o antigo retablo do Altar Maior.  En 1623 os confrades do gremio do Corpo Santo recadan para a súa realización máis de 1200 ducados. Recorreuse para elaboralo a mestres composteláns e Francisco de Antas e Bartolomé Delgado presentaron os proxectos. Escolleuse a traza do primeiro e foi Xacome Prado quen fixo as tallas. Co tempo, foise deteriorando de tal modo que en 1906 acórdase encargar un novo a Máximo Magariños, quen segue a traza de José López Rego. No interior tamén cómpre ver o Cristo do Desencravo (s. XVI) e o Cristo dos Mariñeiros (s. XVIII).

O EXTERIOR

O visitante adoita chegar á igrexa pasando pola praza de Santa María. Ao chegar destaca un monumental paramento coroado por unha crestería obra de Diago Gil. Na porta lateral do templo atópanse medallóns do emperador Carlos I e a súa esposa Isabel de Portugal. Ao carón está o Cristo da Boa Viaxe ao que visitaban os mariñeiros pontevedreses antes de embarcarse.

Pero a xoia emprázase na fachada oeste. Dita fachada foi realizada a partir de 1541 polo taller do escultor de orixe flamenca Cornelis de Holanda, con quen colaborou o portugués João Nobre. De estilo plateresco, a xeito de retablo pétreo, preséntasenos un programa iconográfico adicado á exaltación da Virxe. Os episodios principais son o Tránsito de María, baixo o rosetón, sobre este a Ascensión, a Coroación da Virxe e o Calvario. Flanqueando a porta principal están San Pedro e San Paulo, e como nota anecdótica tamén pode observarse un San Xerome con anteollos. Nesta abraiante obra reparou Cunqueiro ao escribir sobre ela que «a patinara o vento do mar ou a mirada dos que chegaron, en naves, dende afastados portos, coa nostalxia da vila natal».

Na Torre das Campás ubícase un pequeno recinto museístico cunha colección de pintura, ourivaría, libros e vestimenta de carácter relixioso. A súa visita tamén permite acceder ao miradoiro do campanario, que ofrece unha espectacular vista do centro histórico da cidade de Pontevedra.

HORARIO: consultar na propia basílica.


 

Está pasando!