Os edís María Xosé Abilleira e Demetrio Gomez visitan a Feira Chalana | Concello de Pontevedra

A Chalana non lle falla ao verán pontevedrés e achega os seus produtos artesanais e de enorme calidade

16 Xullo 2025

A feira, cos seus 15 postos, permanecerá activa até o 3 de agosto no paseo de Odriozola e na praza de Ourense


A feira de artesanía Chalana vén de abrir as súas portas en Pontevedra. De novo, o Paseo de Odriozola, na praza da Ferraría, será o fogar dos stands que conforman esta mercado artesanal ao aire libre, sumando, como novidade e para este ano, a praza de Ourense.

Un total de 15 postos de 14 artesáns comezaron a vender esta mañá de mércores, 16 de xullo, recibindo aos primeiros curiosos e compradores.

Trátase dunha aposta pola promoción económica do produto artesá e de proximidade, unha feira que aposta pola calidade e que agocha máis dunha sorpresa.

A maioría dos postos son do país, agás catro chegados de fóra: Llue Vidro de Asturias, Aloe de Almería, Astarte de Madrid, metal e natureza e Ana Cortes con seda natural de Huelva.

Ademais, hai catro con base na Boa Vila: Alumearte con esmaltes, o Obradoiro Musical de Os Alegres, o prateiro Roberto Buchanan e a tecedora Cuaderna Maestra que amosara todos os días o traballo nun tear manual. No caso deste último, cómpre visitar o seu posto de traballo, pois é o último ano que participa na feira, xa que o ano que vén comezará a gozar da súa xubilación.

Están tamén presentes Amorei, xoieiro de Soutomaior, Chueco, artesán do coiro da Coruña, Mario López de Vigo con cerámica e prata reciclada, a colareira de O Grove, Montse Betanzos, os ceramistas de Sanxenxo Leonlagata e os artesáns do Bronce En Babia de Redondela.

O edil de Festas, Demetrio Gómez, lembra que A Chalana «é unha das actividades que ten máis soleira, xa que leva unha chea de anos formando parte do programa do verán». «Convidamos a todas as pontevedresas a achegarse até aquí para coñecer os seus produtos xa que paga realmente a pena».

Está pasando!