Mostra ‘Bimba y Palomo, an upcycling by ModaUVigo’ no Edificio Castelao | Deputación de Pontevedra

A Deputación acolle no Museo de Pontevedra unha mostra da colección do alumnado da Facultade de Deseño xunto con Bimba y Lola e Palomo Spain

19 Novembro 2025

A mostra enmárcase na programación de Debut 2025, o desfile no que 15 novos titulados e tituladas no Máster en Deseño e Dirección Creativa en moda presentan as coleccións que desenvolveron como traballos de fin de mestrado


A Deputación acolle desde o martes, 18 de novembro, no Museo de Pontevedra unha exposición coa colección que un grupo de estudantes da Facultade de Deseño da Universidade de Vigo realizou con Bimba y Lola e Palomo Spain.

Trátase dunha iniciativa enmarcada en Debut 2025, o evento que este venres 21 de novembro terá lugar no Pazo da Cultura para dar a coñecer as coleccións que desenvolveron os novos titulados e tituladas no Máster en Deseño e Dirección Creativa en Moda da UVigo.

A mostra, que se poderá ver no Edificio Castelao do Museo ata o domingo 23 de novembro, forma parte dun proxecto de upcycling desenvolvido por estudantes do Máster en Deseño e Dirección Creativa en Moda como Alicia Bonilla, Andrea San Miguel, Lucía González, Marina Pérez, Luiselena Tilve, Manuel López de Silanes, Fernando Búa, Alicia Gómez, Claudia Pinaque, Álvaro Brea, Sabela Alonso, Tuset, Celia Vilariño, Ruth Vidal e Alba Caballero, xunto con Bimba y Lola e Palomo Spain.

Ao abeiro dun convenio de colaboración coa Universidade, responsables destas firmas impartiron unha serie de sesións formativas a partir das cales o alumnado seleccionado traballou no redeseño e intervención da colección desenvolvida por Bimba y Lola e Alejandro Gómez Palomo e que desde o martes 18 pode verse no Museo de Pontevedra.

Trátase dunha colaboración única na que vangarda e deseño danse a man nunha cápsula que reinterpreta e crea de novo algúns elementos icónicos das coleccións de Bimba e Palomo.

Deste xeito, no Museo de Pontevedra poderanse ver propostas que fan uso da serigrafía ou dos bordados en 3D, que desestruturan unha chaqueta para deixar á vista o que normalmente se oculta ou, entre outros, deseños que dan volume a unha cazadora con pelo sintético ou plumas.

Está pasando!