Intervención ‘Máquina para restaurar a empatía’, de Eva Koťátková no Museo de Pontevedra | Deputación de Pontevedra

A Deputación activa as visitas guiadas á Bienal de Pontevedra, que serán gratuítas e terán lugar os xoves, os sábados e os domingos percorrendo os diferentes itinerarios da mostra

15 Xullo 2025

A Deputación activa as visitas guiadas á 32ª Bienal de Pontevedra, que terán lugar os xoves, sábados e domingos para achegar ao público os contidos e espazos desta edición.

Serán itinerarios alternativos gratuítos en diferentes horarios e localizacións, facilitando o acceso a todas as sedes da Bienal, que requiren inscrición previa obrigatoria e ofertan 20 prazas dispoñibles por percorrido. Ademais, os grupos organizados poderán solicitar visita fóra deste horario ás obras expostas nos edificios Castelao e Sarmiento.

Visitas dos xoves e domingos

Todos os xoves ás 18:00 h, desde o 10 de xullo ata o 25 de setembro, e todos os domingos, desde o 13 de xullo ata o 28 de setembro, realizarase unha visita comentada centrada nas exposicións dos edificios Castelao e Sarmiento, dous dos espazos clave desta edición da Bienal. Neste caso, a inscrición debe formalizarse a través do correo electrónico [email protected], de luns a venres de 8 a 14 h.

Visitas dos sábados

A partir do 12 de xullo e ata o 27 de setembro, todos os sábados ofreceranse dous itinerarios distintos que tamén ofertan 20 prazas e requiren inscrición previa, neste caso en https://espiralxc.es/visitas-guiadas/.

Ás 11:00 horas terá lugar “Esperanza na escuridade” (zona 1) cun percorrido polos edificios Castelao e Sarmiento, a Igrexa de Santa Clara, a Fundación Moldes e o Café Moderno. Ten unha duración aproximada de 2 horas e 15 minutos, incluíndo unha pausa de 15 minutos e o punto de encontro será no Edificio Castelao do Museo.

Ademais, ás 18:00 horas terá lugar “Futuros posibles” (zona 2), un itinerario polas Ruínas de San Domingos, o Pazo da Deputación, a Facultade de Belas Artes, a Casa da Luz, a Fundación RAC, a Ponte de Santiago e o Pazo da Cultura. Esta visita ten unha duración de 2 horas e 20 minutos, tamén cun descanso intermedio, e o punto de encontro será nas Ruínas de San Domingos.

Os percorridos organízanse alternando o horario de cada zona cada fin de semana. Comezarán o sábado 12 de xullo visitando a Zona 1 ás 11 e a zona 2 ás 18 horas e o sábado seguinte invertirase a orde. Deste xeito intenta darse a oportunidade de facer as visitas as ambas as dúas zonas no horario que máis se axuste as diferentes persoas que queiran participar.

Está pasando!