A Deputación de Pontevedra organiza no Pazo provincial un desfile de traxes tradicionais inspirados nas pinturas de Castelao

13 Novembro 2025

A pasarela, en colaboración coa Asociación Etnográfica Sete Espadelas, celebrarase o xoves 20 de novembro e require confirmación de asistencia en [email protected]


A Deputación de Pontevedra organiza o próximo xoves 20 de novembro unha pasarela de traxes tradicionais galegos inspirados nas pinturas e debuxos de Castelao en colaboración coa Asociación Etnográfica Sete Espadelas.

O evento celebrarase no Pazo provincial a partir das 19:00 horas e as persoas interesadas en asistir deberán confirmar a súa asistencia no correo electrónico [email protected].

A pasarela de traxes de Castelao celébrase co gallo do Ano Castelao 2025, que conmemora os 75 anos da morte do recoñecido persoeiro. Os asistentes poderán ver unha escolma de arredor de 40 traxes, de diferentes clases sociais dos séculos XVIII e XIX e de distintas comarcas de Galicia, que constitúe unha testemuña fiel dunha época, dunha paisaxe e dun xeito de vivir.

Estes traxes servirán tamén para reivindicar a indumentaria do pobo galego e o seu papel como patrimonio inmaterial, promovendo a posta en valor, conservación e difusión do traxe tradicional galego.

Cómpre ter en conta, ademais, que a indumentaria foi dos primeiros elementos que Castelao incorporou como identitario na caracterización social dos seus personaxes para a composición das escenas que retratou nos seus debuxos e pinturas.

Os traxes foron estudados e confeccionados con rigor polas persoas integrantes de Sete Espadelas, colectivo de referencia no mundo do traxe tradicional galego, respectando os patróns antigos, tecidos e enfeites.

Está pasando!