Rafa Domínguez e Ignacio Pérez Jofre na presentación da exposición ‘Pinturas negras’ | Deputación de Pontevedra

A Deputación inaugura este venres no Museo de Pontevedra “Pinturas negras”, a mostra composta por obras de trece artistas con vínculos coa Facultade de Belas Artes

20 Febreiro 2025

O vicepresidente da Deputación de Pontevedra, Rafa Domínguez, acompañado de Ignacio Pérez Jofre, que comparte o comisariado da mostra con Sandra MG, acaba de presentar no Museo de Pontevedra a exposición “Pinturas negras”, que se inaugura este venres no Edificio Castelao.

Trátase dunha mostra composta por obras de trece artistas que exercen a docencia ou se graduaron na Facultade de Belas Artes de Pontevedra e que ten como eixo cor negra e todas as súas posibilidades formais e simbólicas, tomando como referencia a coñecida serie de Goya.

A mostra, tal e como explicou o vicepresidente provincial, poderase ver no Edificio Castelao ata o 6 de abril e reúne unha selección de obras de Acacia Ojea, Alejandra Pardo, Araceli Liste, Erik Balbuena, Fernando Casás, Fruela Alonso, Juan Loeck, Juan Rivas, Julia Huete, Lúa Gándara, Miguel Teixeira, Mónica Cabo e Sol Mussa. Son pezas de xéneros moi diversos, que van do debuxo e a pintura á arte sonora, pasando polas instalacións e a escultura, unidas pola cor negra.


Rafa Domínguez e Ignacio Pérez Jofre na presentación da exposición ‘Pinturas negras’ | Deputación de Pontevedra

“Trátase dunha exposición de grande calidade artística”, subliñou Rafa Domínguez ao tempo que convidou a “todos os pontevedreses a coñecer o Museo, que alterna a exposición permanente e as actividades arredor do Ano Castelao con mostras temporais como esta”. Ademais, “Pinturas negras” segue a estela doutras anteriores, como ‘De mestras e mestrados’, ‘Campo de sementes I’, ‘Campo de sementes II’ e ‘Pregar a pintura’, para amosar o traballo de artistas docentes ou que se graduaron na Facultade de Belas Artes de Pontevedra.

Ao respecto, Pérez Jofre subliñou que nesta nova mostra “quixen facer cómplice deste proxecto a unha comisaria nova, Sandra MG, que lle dá o punto de vista dunha xeración máis recente e o punto de vista feminino”. Na selección de obras de artistas con vínculo na facultade, “os dous tiñamos claro que queriamos facer unha exposición arredor dunha idea, e vimos que había unha certa presenza do negro”.

“Pinturas negras” conecta cunha tradición da pintura española e galega dun uso dramático e expresivo da escuridade. É unha maneira de afirmar que a arte contemporánea, aínda que ten a súa propia linguaxe, tamén procede dunha historia moi longa representada por artistas como Goya, Gutiérrez Solana, Saura ou Maruja Mallo como exemplos de referentes cos que dialogan algunhas destas obras.



Na exposición atópanse pezas como “Asheé II”, cedida polo CGAC, un bosque de madeira carbonizada sobre un leito de carbón que reflexiona sobre a destrución da forza vital á que remite a palabra do título. O seu autor é Fernando Casás (Gondomar, 1946), que reside entre España e Brasil.

Este enfoque contrasta, por exemplo, co mural de Erik Balbuena (Vigo, 1988), ou os debuxos de grandes dimensións de Alejandra Pardo (Santiago de Compostela, 1997), que achega a perspectiva de xénero, coa representacións de escenas urbanas nocturnas como espazos de ameaza para as mulleres.

Son tres exemplos da ampla variedade de propostas artísticas incorporadas nesta exposición temporal na que hai unha clara aposta polas novas xeracións, con máis da metade das e dos artistas por debaixo dos 40 anos.

Está pasando!