A Feira de Artesanía Ofeitoaman Sanxenxo abrirá ao público o 2 de agosto na Praza Fonte de Ramos

31 Xullo 2024

A Feira de Artesanía Ofeitoaman Sanxenxo abrirá ao público o vindeiro 2 de agosto e permanecerá aberta ata o 25 de agosto. A proposta trasládase este ano do Paseo de Baltar á Praza de Fonte Ramos en Sanxenxo, a un paso do Paseo de Silgar, con horario de 12:00 a 14:00 horas e de 19:00 a 24:00 horas, todos os días.

A inauguración oficial terá lugar o sábado, 3 de agosto, cun percorrido dos polas distintas casetas da feira, a partir das 12 da mañá. Un total de 21 obradoiros artesáns galegos e de fóra de Galicia expoñen as súas creacións para sumarse a oferta de turismo de calidade do Concello de Sanxenxo.

A praza de Fonte de Ramos encherase durante os 24 días de feira de creacións con nome e apelidos, dos oficios de xoiería e pratería, madeira, artigos de coiro, roupa e complementos, bixutaría, calzado, cerámica, vidro, esmaltes, pedra, instrumentos musicais….

O cartel da feira recupera unha versión ilustrada da icónica Madama de Silgar, realizada polo ilustrador Javier Fernández Carrera, Pinturero.



A celebración de Ofeitoaman Sanxenxo é o resultado do firme compromiso do Concello de Sanxenxo por poder desenvolver un evento feiral artesán que aspira a ser o referente do sector no verán galego, sinaladamente para todo o contorno do Salnés e as Rías Baixas, vinculado ao turismo de calidade que este concello ten por sinal identitaria.

A Asociación Galega de Artesáns, entidade que xestiona a feira logo da concesión do concurso público para a súa organización, é unha asociación profesional sen ánimo de lucro cuxo obxectivo é a promoción e defensa de todas as actividades e oficios artesanais, e asemade, a mellora das condicións nas que ás persoas artesás exercen o seu oficio.

Ofeitoaman Sanxenxo conta coa apoio e colaboración para a súa celebración da Fundación Pública Artesanía de Galicia e co da Consellería de Emprego, Comercio e Emigración da Xunta de Galicia.

Está pasando!