A Festa dos Libros de Pontevedra reunirá a máis dun cento de autores e autoras e contará con trece librarías da Boa Vila na Ferraría
26 Xuño 2024
- Entre o 5 e o 7 de xullo o papel e a lectura entrarán en simbiose coa cidade a través dunha programación diversa, intensa e para todos os públicos
- O Concello de Pontevedra promove tres xornadas de socialización, promoción da venda de libros, achegamento entre lectoras e autoras e, en definitiva, amor polos libros
Pontevedra prepárase para acoller a próxima semana —venres 5, sábado 6 e domingo 7 de xullo— a sétima edición da Festa dos Libros, un evento que non só busca sacar os libros á rúa como unha forma de fomento da lectura e da creación senón tamén apoiar o sector da cultura e do libro como un motor fundamental de desenvolvemento e dinamización da cidade.
Organizada polo Concello de Pontevedra en colaboración con trece librarías da cidade: Aviones de Papel, Cao, Clip, D-Lectum, El Naranjo, El Pueblo, Erebor Cómics, Escolma, Espazo Lector Nobel, La Nube de Papel, Metáfora, Libraría Paz e Seijas, a Festa dos Libros permanecerá aberta na carpa instalada na praza da Ferraría en horario de 11.00 a 14.00 horas e de 18.00 a 22.30 horas (agás o domingo que pechará media hora antes).
Ademais dos postos de venda das librarías reunirá a máis de 100 autores e autoras que participarán en máis de 90 actividades pensadas para incentivar a lectura e o amor polos libros.
O concelleiro de Cultura, Demetrio Gómez Xunqueira, acompañado por representantes das librarías presentou esta mañá o programa, que se abrirá os tres días con actividades pensadas paraos máis pequenos e pequenas da casa: Pakolas o venres (Ramona pequena vai á Lúa), Polo Correo do Vento o sábado (Tinta do mar. Pequena biografía sobre Luísa Villalta) e Paco Nogueiras e Marc Taeger o domingo (Son animal).
Actividades destacadas
Entre as actividades destacadas atópanse presentacións de libros por parte dos seus autores, quen compartirán as historias detrás das súas obras e o proceso creativo que as levou á vida, con nomes tan destacados como Ángeles Caballero (Los parques de atracciones también cierran), Manuel Jabois (Mirafiori), Cristina Sánchez-Andrade (Las lagartijas huelen a hierba), a debuxanta de vidas Esther Gili, Ledicia Costas (Pel de cordeiro) ou Tereixa Constenla (Abril é un país, os heroísmos descoñecidos da Revolución dos Caraveis) que virá acompañada por un dos protagonistas do libro, José Alvés da Costa, o cabo que desobedeceu a orde de disparar contra o capitán Maia e as súas tropas na revolución dos Caraveis, da que se cumpren agora 50 anos.
O programa inclúe tamén unha nova sesión de Os vermús de Pinto e Maragota, que terá lugar o venres ás 12.30 h. A poeta María Carmen Caramés Grogal presentará a súa obra Todo o que doe, premio Pinto e Maragota pola diversidade sexual e de xénero, pola certeira representación da dificultade que supón, nesta historia, o amor entre dúas mulleres fóra das normas establecidas, así como a reivindicación do dereito a vivir o amor en liberdade. Con acompañamento musical de Gael de Papel.
Novas lecturas
Tamén o venres (ás 18.15 horas) outra das actividades máis destacadas será Mulleres protagonistas, unha conversa conducida por Eva Mejuto e protagonizada por mulleres escritoras e cuxas protagonistas dos seus últimos libros tamén son mulleres. Este faladoiro contará coa participación de María Solar, quen presentará a súa obra Adeline; Rosa Aneiros, autora de A noite das cebolas; Llerena Perozo, co seu libro Os anos tranquilos; e Sara Vila, que falará sobre O incendio. Será, sen dúbida, unha oportunidade única para coñecer de cerca a estas autoras e explorar as diversas perspectivas literarias que cada unha achega á literatura contemporánea.
O sábado ás 12.30 horas, regresará un dos espazos fixos da programación da Festa dos Libros: Enfiando lecturas, promovido pola Libraría Paz para descubrir novas lecturas. Desta volta participarán Afra Torrado (coa banda deseñada Fago o que podo), Branca Trigo (coa obra de poesía Trans0), Edu Lavandeiras (co seu libro de divulgación Pan galego) e Marta Estévez (e a súa novela de personaxes O segredo das irmás Asorey).
O domingo ás 12.30 horas terá lugar un debate literario arredor de Luísa Villalta, a autora homenaxeada este ano nas Letras Galegas, no que participarán Montse Pena e Mercedes Queixas [Un ruido provocado(r). Voces arredor de Luísa Villalta], Montse Dopico (Luísa Villalta. Abonda con vivir) e Xurxo Souto (Somos un pobo de artistas. O método Luísa Villalta).
E ás 19.15 horas desenvolverase o encontro titulado A primeira vez, para descubrir as primeiras novelas de Laura Portas, autora de El baile de las mareas; Alba Guzmán Falcón, con Xoaniña de Deus e María Alonso Seisdedos, que presentará As Jermaine.
Poesía, música e sinaturas de libros
A poesía terá un lugar especial na Festa dos Libros como a presentación do poemario Diarios / 1 [Azul Monforte] de Antón Lopo, actual Premio da Crítica Española en poesía galega, ou o recital poético TRINCA, protagonizado por tres poetas amigos, en estado de plenitude e unidos polo colectivo das Lupercais de Lugo: Luís López Alonso (Salífero), Antom Fortes (Trânsito) e Genaro da Silva (Gacela). Ambas as dúas actividades serán o venres pola tarde e prometen emocionar e cativar a todos os presentes, compartindo versos e reflexións.
Alberto Pombo presentará o sábado ás 20.15 horas o seu libro Verso e acorde. Relación entre literatura galega e música pop, xunto a unha das figuras máis destacadas e polifacéticas non só da música senón tamén da cultura galega contemporánea, Antón Reixa, quen presentará a súa Enciclopedia perplexidade. Escolma poética 1976-2023, unha selección de corenta anos do seu universo poéticocreativo.
Outras actividades
Para completar a oferta cultural, haberá actividades musicais que porán un broche de ouro festivo, sesións de sinaturas de libros nos postos das librarías e outras iniciativas como o Cafeciño & Draw con Nuria Díaz, Mariña Rey Noya e Laura Tova. O domingo pola mañá a Libraría Seijas (organizadora da actividade) anímanos a coller os nosos aveños de debuxo para tomar un café e debuxar mentres se responde ás propostas creativas lanzadas por Alba Blanco.
A ilustración tamén centrará outra das actividades do domingo na Festa dos Libros: o Taller Urban Sketchers, organizado pola Librería Cao. Urban Sketchers é unha comunidade global de debuxantes dedicados á práctica do debuxo na localización onde se atopan, que comparten o seu amor polos lugares onde residen e aos que viaxan.