‘Os dous de sempre’ | Mofa & Befa

A nova tempada da Rede Galega de Teatros trae ao Auditorio de Vilagarcía, comedia, drama e danza contemporánea

19 Xaneiro 2026

  • A Concellería de Cultura continúa enchendo de actividade Vilagarcía, neste caso co ciclo da Rede Galega de Teatros e Auditorios, que para o segundo semestre da temporada traerá á cidade tres representacións.
  • A oferta será variada e para todo tipo de gustos, posto que haberá comedia e drama a cargo de Mofa & Befa e Teatro do Noroeste, e danza contemporánea da compañía de Daniel Rodríguez.

O ciclo estréase o 7 de febreiro co espectáculo ‘Os dous de sempre’, na que Evaristo Calvo e Víctor Mosqueira (Mofa & Befa) dan vida aos personaxes Pedriño e Rañolas, creados por Castelao, baixo a dirección de Quico Cadaval. O espectáculo é para público a partir de 13 anos.

A segunda proposta é a que presenta Teatro do Noroeste, un drama de máxima actualidade escrito e dirixido por Eduardo Alonso e titulado ‘Guerra’. Porase en escena o 21 de marzo e está dirixido a espectadores adultos.

A programación da actual temporada pecharase o 18 de abril coa posta en escena de ‘Transeúnte’, unha montaxe de danza contemporánea dirixida por Daniel Rodríguez e coproducida polo Centro Coreográfico Galego. Coa intervención de catro bailaríns e dous músicos, o espectáculo forma un diálogo entre a música, o canto e a danza tradicional coa danza contemporánea.

Todas as representacións celébranse en sábado e con horario de inicio ás 20:00 horas.

Como todas as actuacións organizadas a través da colaboración entre o Concello de Vilagarcía e a Agadic, as localidades teñen un prezo reducido de 5 euros. Ademais, hai entradas bonificadas a 3 euros para titulares do Carné Xove e persoas desempregadas.

Os billetes xa se poden adquirir a través de Ataquilla.com (máis gastos de xestión) e, de non esgotarse antes, o mesmo día das funcións, no Auditorio.

Está pasando!