Presentación de ‘Fantasio na rúa’ | Concello de Vilagarcía de Arousa

A película galega “Antes de nós” inaugura este domingo no Castro Alobre o ciclo de cine ‘Fantasio na rúa’

9 Xullo 2025

  • A película galega “Antes de nós” inaugura este domingo no Castro Alobre o ciclo ‘Fantasio na rúa. Vilagarcía de cine’.
  • A actividade, que foi presentada esta mañá en rolda de prensa polo concelleiro de Xuventude, Álvaro Carou, inclúe a reprodución doutras 13 cintas en diferentes espazos ao aire libre do centro da cidade e as parroquias.
  • As familias serán as grandes protagonistas da cita, cun bo número de proxeccións de carácter infantil.

“Pasamos de Vilagarcía Cidade de Libro, a render homenaxe ao sétimo arte: o cine”, apuntou Carou. O concelleiro explicou que, seguindo a estela do ano pasado, as proxeccións saen dos centros socioculturais a espazos ao aire libre, como as praias ou o Castro Alobre, unha das novas localizacións: “Pensamos que é unha boa ocasión para poñer en valor este espazo natural. Un escenario do máis atractivo para abrir o ciclo”.

A cinta inaugural, “Antes de nós”, está escrita por Pepe Coira e dirixida por Ángeles Huerta e estreouse fai escasos meses. Trata sobre a vida do escritor e político Daniel Rodríguez Castelao, que volve á súa Ribeira natal para exercer coma médico durante a pandemia de gripe española de 1918. Ademais, este ano celébrase o ‘Ano Castelao’, no 75 aniversario do seu falecemento, polo que é “unha ocasión de luxo” para coñecer máis sobre esta figura clave da historia de Galicia.

Os cativos, os grandes protagonistas

Como o público infantil será o protagonista do ciclo, a maioría de películas son ás 20:30 horas. “O ano pasado tivemos uns dous mil espectadores”, apuntou Xoán Mariño, membro da organización. Confían en que este ano as cifras sexan similares, e para iso porán a disposición entre 250 e 300 cadeiras por película, “aínda que virá moita máis xente, por exemplo nas praias, onde os grupos soen poñerse pola area”.

O martes 15 de xullo a actividade trasládase ao parque de Ravella, onde se reproducirá ‘Amigos imaginarios’ (2024); o barrio dos Duráns acollerá ‘La venganza se sirve con plumas’ (2024) o mércores 16; o día 24 no parque de Dona Concha reproducirase ‘Spy Kids: Armageddon’ (2023) ; o venres 25 será o turno de ‘El hotel de los líos’ (2023) en Camilo José Cela, no barrio do Piñeiriño; ‘Amor de madre’ (2022) o día 26 en Trabanca Badiña; ‘Guardiana de Dragones’ (2024) o domingo 27 na praia de Bamio; o día 29 en Rubiáns ‘Kung Fu Panda 4’ (2024); e o 30 de xullo poderemos ver ‘Padre no hay más que uno 4’ (2024) na praia da Esmorga no Carril.

O ciclo continúa no mes de agosto con ‘Chicken Run: amanecer de los nuggets’ (2023) o venres 1 no Sixto; o luns 4 no parque da Coca con ‘The Marvels’ (2023); ao día seguinte ‘Os demos de barro’ (2022) en Sobradelo; o día 10 en Cornazo ‘Cazafantasmas’ (2024) ; e remata o martes 12 en Castrogudín con ‘Odio el Verano’ (2024).

A actividade ten carácter solidario, xa que os organizadores colaboran coa Asociación Española contra o Cancro, que colocará un stand de captación de doantes nalgunhas das citas. Ademais, antes de comezar coa película, reproducirase o curto ‘Lola, Lolita, Lolaza’ da galega Chelo Loureiro, nominada a mellor curta de animación nos premios Goya 2025.

O concelleiro Álvaro Carou animou ás familias e acudir non só á proxección que lle quede preto da casa, senón a percorrer o maior número de localizacións posibles.

Está pasando!