A redeira portonovesa Sara Bea Martínez | © Concello de Sanxenxo

A portonovesa Sara Bea será distinguida coa Raia de Ouro pola súa longa traxectoria como redeira

23 Abril 2024

Con tan só nove anos xa ataba redes e é das poucas profesionais que sabe arranxar calquera tipo de aparello de artes menores ou de cerco


A portonovesa Sara Bea Martínez adicou máis de sesenta anos da súa vida a atar redes e aparellos de pesca. Unha profesión que a foi envolvendo e atrapando ata convertila en todo un referente no sector. “Empecei con nove anos, pero ao principio non me gustaba nada. A miña curmá dicíame: Ti vas a ser atadora cando eu sexa cura”, recorda.

Polas súas mans pasaron miles de redes de barcos de Portonovo, tanto de artes menores como de cerco, que grazas a súa habilidade puideron saír ao mar. “Podo presumir de que ningún barco co que traballabamos tivo quedar en terra nunca por non ter o aparello reparado. Unha vez ata nos coincidiron cinco barcos. Traballamos duro e ao día seguinte sairon ao mar”, sinala.

A súa paixón polas redes fixo que pospuxera ata os 70 anos a xubilación e aínda que xa pasaron dous anos segue botando de menos “atar e o ambiente coas compañeiras no porto”. Cadrar un pano con outro non sempre resultaba sinxelo. “Moitas noites dáballe voltas na cama tentando cadrar as telas cando a avaría era complicada, pero ao final sempre cadraba. É como un quebracabezas”, explica.


A redeira portonovesa Sara Bea Martínez | © Concello de Sanxenxo

O vindeiro día 28 será distinguida coa Raia de Ouro, dentro dos actos do Portonovo Gastronómico, nunha ceremonia na que estará acompañará do seu marido, Mario, co que neste mes de xullo fará as vodas de ouro, e os seus fillos, Elena e Mario. “O meu marido sempre entendeu o meu traballo. Ás veces tiña que marchar dunha hora para outra ao País Vasco e el quedaba ao cargo dos fillos e da casa. Nunca me puxo un problema”, asegura.

En canto ao oficio, Sara explica que “antes era moito máis duro porque se ataba á intemperie. Non tiñamos nin baño e pasabamos moito frío, pero coa nave mellorou moito a situación. Recordo ata marearme polo frío que collía nas mans, pero era unha satisfacción cando arranxabas o aparello e o barco podía saír ao mar”. Agora recoñece con certa preocupación que a profesión “estase perdendo e xa hai poucas persoas que queiran ser atadoras ou redeiras. Non sei o que vai pasar cos barcos”.

Está pasando!