‘Yo solo quiero irme a Francia’ | Contraproducións

A recoñecida actriz María Galiana actuará no Auditorio de Vilagarcía en novembro coa obra ‘Yo solo quiero irme a Francia’

29 Outubro 2025

  • Vilagarcía recibirá a visita da recoñecida actriz de teatro e televisión María Galiana, que pasará polo Auditorio Municipal en novembro coa obra ‘Yo solo quiero irme a Francia’, de Contraproducións S.L.
  • O espectáculo será o sábado 15 ás 21:00 horas, con entradas á venda a través de Ataquilla

A concellería de Cultura, dirixida por Sonia Outón, leva meses traballando para poder traer á vila unha obra desta categoría, que sen dúbida gozará de moito éxito: “Si xa contábamos cunha programación de primeiro nivel, con moitas confirmacións tamén de cara ao ano que vén, poder anunciar agora esta peza é unha auténtica satisfacción, a guinda do pastel”, apuntou Outón.

A obra conta a historia familiar de Leo e Inés, que se coñecen inesperadamente durante o velorio de Pilar, a súa avoa. O que empeza como un malentendido vai revelando segredos ocultos, identidades entrelazadas e unha historia que leva aos espectadores ata a xuventude da propia falecida na España de posguerra.

Entre mobles cubertos, un reloxo de cuco que interrompe cada momento incómodo, e os restos do que quedou por dicir, ‘Yo solo quiero irme a Francia’ é unha comedia amarga sobre a identidade, o abandono e a herdanza emocional que atravesa xeracións.

Unha obra onde o real e o máxico conviven con naturalidade, onde o humor serve de defensa ante a dor e onde ás veces irse a Francia non é unha fuxida, senón un acto de liberdade”, explican dende a propia compañía.

Este é o debut como directora de Elisabeth Larena, autora tamén do texto, á que, durante a súa escritura, acompañaron as súas memorias, que non foron vividas por ela, senón pola súa avoa.

O espectáculo está protagonizado por María Galiana, grandísima actriz de cinema e de teatro, gañadora dos máis importantes premios como o Goya ou Mérito ás Belas Artes do Ministerio de Cultura. Xunto a ela, subiranse ás táboas Nieves de Medina, Anna Mayo e a galega Alicia Armenteros.

Esta función inicia a xira desta nova aventura dunha das produtoras galegas máis sólidas, Contraproducións.

Ten unha duración de 80 minutos e está dirixida a pública adulto.

As entradas á venda en Ataquilla.com teñen un prezo de entre 20 e 23 euros, dependendo da zona. No caso de non esgotarse, poranse á venta o propio día do espectáculo na billeteira do Auditorio a partir das 19:00 horas.

Está pasando!