A sede da Deputación de Pontevedra en Vigo reúne a obra plástica de María Xosé Queizán

17 Setembro 2020

A sede da Deputación de Pontevedra en Vigo acolle a exposición “Materiais para pensar, gozar e profanar”, unha mostra inédita da obra plástica da escritora, poetisa e ensaísta María Xosé Queizán na que mestura pezas conceptuais e collages con obxectos cotiás, persoais e familiares.

María Xosé Queizán é unha das pioneiras da narrativa feminina en galego e referente do pensamento feminista en Galicia. Ao longo da súa dilatada traxectoria foi capaz de expresar as súas ideas e reflexións a través da arte no seu sentido máis amplo.

Nesta obra mostra o seu talento creador e creativo e o seu espírito innovador, buscando sempre novas ferramentas artísticas para expresar o seu compromiso social e as súas inquietudes persoais a favor da igualdade de oportunidades entre mulleres e homes.

A mostra está formada por 48 composicións realizadas con diferentes materiais e con obxectos cotiáns.

A exposición, que poderá visitarse ata o 29 de outubro na sede viguesa da Deputación (situada na Rúa Eduardo Chao), descobre unha nova faceta da narradora, ensaísta, columnista e poetisa, que complementa o perfil, xa de por si poliédrico, desta pioneira da narrativa feminina en galego.

+info. en depo.gal

Está pasando!