“Black Dog” | Surtsey Films

A Semana de Cine “Cinemas Ocultos” regresa a Cangas para a súa XX edición con historias de resistencia e descubrimento

29 Setembro 2025

  • A XX Semana de Cine celebrarase do 3 ao 10 de outubro no Auditorio Municipal cunha programación marcada pola temática “Mapa das Fendas”
  • O cine galego terá especial protagonismo con títulos como “Antes de nós” e “Filmei Paxaros Voando”, ademais da sección Galicia en Curta
  • A programación internacional inclúe filmes premiados en Cannes e precandidatos aos Oscars, como “Black Dog” e “Se poidese hibernar

A Semana de Cine volve a Cangas para celebrar a súa XX edición do 3 ao 10 de outubro no Auditorio Municipal.

A temática para esta nova edición do ciclo Cinemas Ocultos será “Mapa das Fendas”, cunha programación que propón un percorrido diverso e universal por historias de resistencia e descubrimento, con personaxes que buscan o seu lugar no mundo.

Presentación da XX Semana de Cine “Cinemas Ocultos” | Cineclub Cangas

A programación completa presentouse da man de Xosé Manuel González “Oli”, Xulio Mariño e Xoán Fernández, en representación do Cineclub Cangas, organizadores do ciclo. Tamén participaron a deseñadora Brenda Novas, encargada do cartel desta edición, o director do Auditorio Municipal, Juanjo Pérez e a concelleira de Cultura e Atención Veciñal, Aurora Prieto.

Dende a organización destacaron que Cinemas Ocultos busca convidar ao público a percorrer este mapa cinematográfico, formado por películas de varios países e xéneros, que afondan nas fendas xeográficas, culturais e identitarias que atravesan corpos, paisaxes e familias.

Ademais da selección de longametraxes, dentro de Cinemas Ocultos atópase a sección Galicia en Curta, con catro curtametraxes destacadas do panorama galego actual, obras xa recoñecidas en festivais nacionais e internacionais.

“A miña vida ao grande” | Karma Films

O público escolar terá tamén a súa oportunidade de participar a través da actividade Escolas ao Cine, que inclúe unha visita ao Auditorio para ver “A miña vida ao grande” (2024), da directora checa Kristina Dufková.

A cinta aborda temas como a adolescencia, a amizade e o acoso escolar a través dunha linguaxe visual próxima e sensible.

“Antes de nós” | Retrincos A.I.E.

Cine galego como protagonista

A película galega “Antes de nós” (2025) será a encargada de inaugurar a XX Semana de Cine, cun pase o 2 de outubro ás 21:00 horas.

Dirixida por Ángeles Huerta e con guión de Pepe Coira, a obra céntrase na vida máis íntima de Castelao, cando exerceu como médico en Rianxo e no seu matrimonio con Virxinia Pereira. Protagonizado por Xoán Forneas e Cris Iglesias afonda no home detrás da icona política e cultural galega.

Cinemas Ocultos pechará esta edición con “Filmei Paxaros Voando” (2025), ópera prima de Zeltia Outeiriño, que parte da historia persoal da directora para explorar a memoria familiar e as raíces. A obra recibiu o Premio Mestre Mateo a Mellor Documental e a súa proxección contará coa presenza da cineasta. O pase será o 10 de outubro ás 21:00 horas.

“Black Dog” | Surtsey Films

Un mapa de cinema internacional

A programación complétase con títulos que percorren escenarios afastados e narrativas universais como “Black Dog” (Liang Ming, China, 2024), gañadora do Premio Un Certain Regard á Mellor Película no Festival de Cannes 2024. O filme retrata a amizade entre un mozo recentemente saído do cárcere e un can abandonado nunha cidade desértica do noroeste chinés, cun forte compoñente social e poético.

“Se poidese hibernar” (Zoljargal Purevdash, Mongolia, 2023), primeira película mongola seleccionada para competir en Cannes, foi elixida como precandidata aos Óscars 2025 na categoría de Mellor Película Internacional. Conta a historia dun estudante brillante dunha familia humilde que soña con gañar unha bolsa científica.

“Tres quilómetros ao fin do mundo” | Vértigo Films

“Tres quilómetros ao fin do mundo” (Emanuel Pârvu, Romanía, 2024), tamén estreada en Cannes, explora a vida dunha comunidade illada no delta do Danubio a través da historia dun adolescente que se enfronta á intolerancia e á discriminación.

“Bauryna Salu” (Askhat Kuchencherekov, Kazajistán, 2023), unha cinta intimista sobre un mozo que debe volver ao pobo natal dos seus pais para enfrontarse aos segredos e á complexidade das relacións familiares.

A programación inclúe tamén “The Teacher” (2023), da directora británico-palestina Farah Nabulsi, unha historia ambientada en Cisxordania que segue a un profesor atrapado entre o seu compromiso coa resistencia e a súa responsabilidade como educador. Un filme de actualidade que explora as consecuencias da ocupación, a perda e o trauma.

Dentro da animación e para o público familiar presentarase “Salvaxe” (Anca Damian, Romanía-Francia, 2023) un filme de gran beleza visual que leva ao espectador á selva de Borneo. Narra a aventura de dúas nenas que, xunto cunha cría de orangután, loitan por protexer a selva fronte á devastación humana.

“Abellón” | Xas Films

A forza das curtametraxes galegas

Dentro de Cinemas Ocultos, a sección Galicia en Curta, programada para o 7 de outubro ás 21:00 horas no Auditorio Municipal de Cangas, ofrecerá unha escolma de curtametraxes galegas recentes que destacan polo seu compromiso estético e pola forza das historias íntimas.

As obras inclúen “Abellón” (2024), de Fon Cortizo, que aborda o encontro entre percepcións sensoriais e emocións a través dunha relación entre Álex, que audiodescribe, e Lucía, cega de nacemento; “Adeus Berta” (2024), de Fernando Tato e Ángela Andrada, que reconstrúe un regreso ás lazos familiares nun contexto de perda; “Pura” (2024), de Carmen Méndez, un retrato persoal interxeracional que se move entre memoria e identidade, galardoada cos Premios Mestre Mateo; e “Curmán” (2025), de Alejandro Jato, que segue a un rapaz nunha aldea familiar e reflicte as transformacións persoais nun entorno rural.

Todas elas contan coa presenza de profesionais vinculados ás súas producións, o que permitirá un espazo de diálogo co público tras as proxeccións.

A programación da XX Semana de Cine “Cinema Ocultos” é a seguinte:

  • 3 OUT | 21:00 | “ANTES DE NÓS”
  • 4 OUT | 18:00 | “SALVAXES”
  • 4 OUT | 21:00 | “SE POIDESE HIBERNAR”
  • 5 OUT | 21:00 | “BLACK DOG”
  • 6 OUT | 21:00 | “THE TEACHER”
  • 7 OUT | 10:00 | ESCOLAS AO CINE
  • 7 OUT | 21:00 | GALICIA EN CURTA 2025
  • 8 OUT | 21:00 | “TRES QUILÓMETROS AO FIN DO MUNDO”
  • 9 OUT | 21:00 | “BAURYNA SALU”
  • 10 OUT | 21:00 | “FILMEI PAXAROS VOANDO”

Está pasando!