A Semana de Cine de Vilagarcía serve de antesala a San Roque con películas clásicas, éxitos actuais, documentais, encontros con autores e actividades ao aire libre
30 Xullo 2024
- A Semana de Cine, que organiza o Cine Club Ádega coa colaboración da Concellería de Cultura, arrancará o domingo 4 e servirá de antesala ás festas de San Roque, que comezarán oficialmente o mércores 14
- Durante unha semana, o Salón García, a praia da Compostela e o parque do Castriño servirán de escenario para un programa no que se mesturan películas clásicas con acompañamento musical, éxitos actuais, documentais, encontros con autores e actividades para os máis mozos
Na presentación, a concelleira de Cultura, Sonia Outón, felicitou aos membros do Cine Club Ádega polo traballo feito nos últimos meses para lograr un dos programas máis ambiciosos da Semana que se recordan. Pola súa banda, o presidente de Ádega, Fernando López, destacou que logo de recuperar a Semana, o encontro vai a máis, como proba as máis de 1.500 persoas que acudiron o ano pasado, o que os animou a ampliar un día máis as proxeccións e seguir incrementando as actividades paralelas.
Agás as proxeccións na praia e no Castriño, que serán de balde, no resto das exhibicións cobrarase unha entrada de 4 euros para os non socios, aínda que tamén cabe a posibilidade de adquirir un abono para toda a Semana por tan só 10 euros. Os socios e fillos/as de socios non pagan. Menores, parados e xubilados terán bonificacións. As entradas e abonos poden adquirirse a través da web cineclubadega.com
Este é o programa completo da Semana de Cine 2024:
DOMINGO 4 DE AGOSTO
- 12:30 h. Rúa Alcalde Rey Daviña. Caravana de Cine. Selección de curtametraxes para nenos e nenas
- 21:30 h. Praia da Compostela. Proxección: ‘Illa de Cans’. Despois de que todas as mascotas caninas de Megasaki City sexan exiliadas a unha illa que é unha entulleira, un neno de 12 anos emprende unha viaxe para buscar o seu can extraviado. Ano: 2018 | Xénero: Animación, comedia | Duración: 101 min | Director: Wes Anderson
LUNS 5 AGOSTO
- 20:00 h. Salón García. Charla e gravación podcast Gafapasta Plasta en directo (45´)
- 21:00 h. Salón García. Proxección: ‘The Zone of Interest’. O comandante de Auschwitz Rudolf Höss e a súa esposa Hedwig esfórzanse en construír unha vida de ilusión para a súa familia nunha casa con xardín preto do campo. Ano: 2023 | Xénero: Drama | Duración: 106 min | Director: Jonathan Glazer
MARTES 6 AGOSTO
- 19:30 h. Salón García. Proxección da curta e actuación musical relacionada co filme ‘O gaiteiro que desceu da carabela’. O músico Tales Melati percorre o sur de Brasil levando consigo o timbre exótico da súa gaita, a mesma que desembarcou coa expedición lusa de Cabral. Un poderoso son que revela a alma perdida da música galego-portuguesa en Brasil. Ano: 2021 | Xénero: documental | Duración: 15 min | Director: Juan Quintáns
- 20:00 h. Salón García. Charla co director Juan Quintáns. Cineasta español, formado na Escola de Cine da Coruña, onde se especializou en son. Traballa en numerosas producións en España e agora en Brasil, tanto para cine, TV e publicidade, como en diferentes áreas: son directo, deseño de son, eventos e concertos, e enxeñeiro de varios álbums de música. É profesor en diversos cursos de son para cine e TV
- 21:30 h. Salón García. Proxección: ‘Tres’. Unha deseñadora de son pasa moitas horas soa gravando efectos, editando e mesturando. É un refuxio onde postergar as avariadas relacións que mantén coa súa exparella, coa súa anciá nai e cos seus compañeiros de traballo. Aínda que ela aínda non o sabe, está a comezar a desincronizarse. Coma se fose unha película mal sonorizada, o seu cerebro comezou a procesar o son máis tarde que as imaxes. Ano: 2021 | Xénero: Intriga, drama | Duración: 104 min | Director: Juanjo Giménez
MÉRCORES 7 AGOSTO
- 11:00 h. Salón García. Obradoiro de cine Workshop ‘El Silencio Cinematográfico’, impartido polo cineasta Juan Quintáns. Duración: 3 horas
- 21:30 h. Salón García. ‘Safety Last!’. Filme-concerto coa banda Fuzzo. A formación reúne tres estrelas da escena do jazz galego: Virxilio da Silva na guitarra, Xan Campos nos teclados e Chus Pazos na batería. Defínense a si mesmos como unha banda de improvisación libre acumulativa, e fan dos seus concertos unha verdadeira experiencia de salvaxe éxtase creativa. Ano: 1923 | Xénero: Comedia cine mudo | Duración: 77 min | Director: F. C. Newmeyer, S. Taylor
XOVES 8 AGOSTO
- 11:00 h. Biblioteca antiga (rúa Rey Daviña). Obradoiro de StopMotion para nenos. Duración: 3 horas. Introdución á técnica de animación “stop motion”. Para nenas e nenos a partir de 8 anos. Neste obradoiro as persoas participantes aprenden o funcionamento do cine e dos debuxos animados utilizando técnicas de plástica, como debuxo, recortes de cartolina e plastilina, e tamén obxectos inanimados como xoguetes, que fan moi amena e divertida a aprendizaxe.
- 18:30 h. Salón García. Cineclube Júnior. Proxección: ‘Calamity’. En 1863, Martha Janes debe aprender como manexar os cabalos dunha carruaxe para poder así participar nun convoi que transita polo oeste dos Estados Unidos. Un día decide poñer pantalóns e cortar o pelo, xerando así unha enorme polémica que sacará a relucir o seu verdadeiro carácter ante as innumerables dificultades que se presentan nun mundo tan grande como salvaxe e no que todo é posible. Ano: 2020 | Xénero: Animación | Duración: 82 min | Director: Rémi Chayé
- 21:30 h. Salón García. Proxección: ‘Stop Making Sense’. Aclamadísimo documental musical sobre os Talking Heads en concerto, rodado en tres noites e con sete cámaras por Jonathan Demme. Ano: 1984 | Xénero: Documental | Duración: 88 min | Director: Jonathan Demme
VENRES 9 AGOSTO
- 20:00 e 22:15 h. (dobre pase). Salón García. Proxección: ‘C´é Ancora Domani’. É primavera e toda a familia está alborotada polo inminente compromiso da querida filla maior, Marcella, quen, pola súa banda, só espera casar rapidamente cun simpático mozo de clase media, Giulio, e librarse por fin desa incómoda familia. Ano: 2023 | Xénero: Comedia | Duración: 118 min | Director: Paola Cortellesi
SÁBADO 10 AGOSTO
- 21:30 e 22:15 h. Parque do Castriño. Noite de cinema e pícnic no xardín Enrique Valdés. Trae a túa comida e bebida para desfrutar de cine e música á luz das estrelas nun espazo natural espectacular.
- 21:30 h. Parque do Castriño. Presentación do libro ‘El imaginario fantástico de Tim Burton’ coa súa autora Milenia Martínez
- 22:15 h. Parque do Castriño. Proxección: ‘Bitelchus’. Un matrimonio de pantasmas (Geena Davis e Alec Baldwin) contrata os servizos de Bitelchus (Michael Keaton), un especialista en asustar mortais, para que escorrente os novos propietarios da súa querida casa vitoriana. Ano: 1988 | Xénero: Comedia de terror | Duración: 93 min | Director: Tim Burton. Entrada de balde