Xurado dos premios Otero Pedrayo do 2025 | Deputación de Pontevedra

A Sociedade Coral Polifónica de Pontevedra gaña o Premio Otero Pedrayo do 2025

13 Novembro 2025

A Deputación de Pontevedra anunciou que a Sociedade Coral Polifónica de Pontevedra é a gañadora da edición do ano 2025 dos Premios Otero Pedrayo. A candidatura, proposta pola administración provincial, resultou elixida esta mañá de xoves durante a reunión do xurado, que tivo lugar no Pazo provincial, entre outras catro candidaturas.

“A Sociedade Coral Polifónica de Pontevedra é coñecida por todos e hai moitos motivos polos cales se lles podería facer este recoñecemento: é unha referencia musical, este ano cumpre cen anos, Castelao foi o seu segundo presidente e está a realizar un traballo impecable na promoción e difusión da música e do galego”, enumerou o presidente da Deputación de Pontevedra, Luis López, para enxalzar a traxectoria centenaria dunha institución “punteira e pioneira en Galicia da que non podemos estar máis que orgullosos”.

A Deputación de Pontevedra será a anfitrioa do Premio Otero Pedrayo 2025, que será entregado o vindeiro 11 de decembro nunha cerimonia no Pazo provincial. O certame é unha iniciativa conxunta das catro deputacións galegas e da Xunta de Galicia que se organiza cada ano desde 1977 co obxectivo de honrar a memoria dunha persoa destacada no campo das letras e do coñecemento, ou ben un labor que constitúa unha contribución eminente á cultura galega e promova os valores propios de Galicia ou aquelas obras que leven ao esclarecemento e á mellora da cidadanía e institucións galegas.

Acoller tanto a reunión do xurado para determinar o gañador do premio deste ano como a gala de entrega do galardón supón unha nova mostra do compromiso do goberno provincial coa protección e difusión da cultura e a lingua galega. Unha misión á que a institución provincial tamén contribúe a través de iniciativas como o primeiro circuíto de artes escénicas, danza e teatro, en galego: o +Escénicas; o fomento do uso do galego na literatura a través de iniciativas novidosas como Pontevedra Literaria ou a creación dos primeiros Premios Castelao para a promoción de Textos Teatrais; e o impulso á creación en galego de múltiples formas, por exemplo, co reparto de máis de 200.000 euros que beneficiarán este ano a 68 entidades sen fins de lucro para actividades de dinamización da lingua ou a edición de obras en galego.

O xurado encargado de valorar a edición número 48 destes premios Otero Pedrayo estivo presidido polo director xeral de Cultura da Xunta de Galicia, Anxo Lorenzo; co presidente da Deputación de Pontevedra, Luis López, como vicepresidente respectivamente. Como vogal actuou o deputado de Cultura da Deputación de Pontevedra, Jorge Cubela, xunto con representantes das outras tres deputacións galegas, da Consellería de Cultura, das tres universidades galegas, da Real Academia Galega, do Instituto de Estudos Galegos Padre Sarmiento e da Fundación Otero Pedrayo, así como cinco persoeiros relevantes no eido da cultura elixidos polas catro deputacións e a Xunta de Galicia.

O pasado ano recibiu o Premio Otero Pedrayo a Coral de Ruada e, ao longo da súa historia, este galardón recaeu en persoas tan senlleiras da cultura galega como Carlos Casares, Xosé Filgueira Valverde, Antonio Fraguas, Francisco Fernández del Riego, Acisclo Manzano, Ángel Carracedo, Margarita Ledo, Antía Cal, Menchu Lamas ou Rorario Álvarez, e en entidades como o Museo de Pontevedra, a Sección de Arqueoloxía do Instituto Padre Sarmiento, o Museo do Pobo Galego, a Fundación Pedro Barrié de la Maza e, entre outras, as Fundacións Otero Pedrayo, Vicente Risco, Antón Losada Diéguez e Castelao.

Está pasando!