Cuarteto Casals | Pablo Rodrigo Studio

A Sociedade Filarmónica de Vilagarcía abre a tempada cun concerto especial protagonizado polo Cuarteto Casals

17 Outubro 2025

  • A Sociedade Filarmónica de Vilagarcía abre a súa temporada máis especial ata a data, na que celebran o seu décimo aniversario, cun concerto protagonizado polo Cuarteto Casals.
  • A actuación será este venres ás 20:30 horas no Auditorio Municipal con entrada de balde ata completar capacidade, grazas ao patrocinio da Consellería de Cultura.

A Sociedade Filarmónica de Vilagarcía abre o venres 17 de outubro a súa tempada máis especial, na que celebra o seu décimo aniversario, cun concerto protagonizado polo Cuarteto Casals.

A partir das 20:30 horas, na sala principal do Auditorio Municipal de Vilagarcía interpretarán as obras mestras para cuarteto de Schubert e Shostakóvich.

Entrada de balde ata completar capacidade, grazas ao patrocinio da Consellería de Cultura da Xunta de Galicia.

Cuarteto Casals | Pablo Rodrigo Studio

O Cuarteto Casals foi fundado no ano 1997 na Escola Superior de Música Raíña Sofía de Madrid e esta formado polo violinista Abel Tomás, a violinista Vera Martínez, a violista Cristina Cordero e o violonchelista Arnau Tomás.

Dende a súa creación, o grupo acadou notable fama sendo actualmente unha referencia internacional da música de cámara, ademais de recibir o Premio Nacional de Música do Ministerio de Cultura no ano 2006. Durante o seu percorrido, tocaron en importantes salas de concertos coma o Carnegie Hall de Nueva York, a Philharmonie de Berlín, a Philharmonie de París, ou o Concertgebouw de Amsterdam, entre outras.

A crítica destacou deles a súa impecable traxectoria, a súa precisión técnica, a comprensión da partitura e unha profunda expresividade. Ao longo dos seus 27 anos de historia, o cuarteto recompilou unha importante discografía co selo Harmonia Mundi.

A Sociedade Filarmónica de Vilagarcía conta na actualidade con máis de 350 socios. A concelleira de Cultura, Sonia Outón, destacou a gran labor realizada durante esta década, “unha mestura de tesón e traballo duro que trouxeron a Vilagarcía auténticos referentes da música clásica”.

A súa programación esténdese ata maio do ano que vén, con outros seis concertos: Orquestra Sinfónica de Galicia (20 de novembro); Thomas Enhco (12 de decembro); Hera Park (28 de febreiro); Real Filharmonía (20 de marzo); Alexis Cárdenas, Jorge Glem e Elvis Martínez (24 de abril); e para finalizar, Liza Ferschtman e Benjamin Hochman (29 de maio).

Está pasando!