A Xunta ofrece sete actuacións escénicas e musicais na cidade de Pontevedra ata xuño a través da Rede Galega de Teatros e Auditorios

11 Marzo 2021

A Xunta promove ata xuño sete actuacións escénicas e musicais na cidade de Pontevedra no marco da programación da Rede Galega de Teatros e Auditorios (RGTA). As funcións, organizadas en colaboración co Concello, desenvolveranse no Teatro Principal e no Auditorio do Pazo da Cultura. A carteleira con todos os horarios pódese consultar en Cultura de Galicia e na web da Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic).

Así, hoxe representarase no Teatro Principal ‘Feminíssimas’, de De Ste Xeito Producións, unha creación colectiva coa amizade como fondo e o feminismo, e as diversas maneiras de entendelo, como forma. Xa en abril, o día 11 haberá unha dobre función de ‘Cartoóns’, de Producións Teatráis Excéntricas, dirixida ao público familiar e que incide en valores como o traballo colectivo, a solidariedade, a empatía social e a autosuficiencia, así como na conciencia ecolóxica.

En maio, o día 2, tamén haberá unha dobre representación para a cativada, con ‘Contacreques’, de Eme2 emocion&arte, unha peza que crea un mundo con voces de contacontos e corpos de monicreques. Nese mesmo mes, o día 20, será a quenda de Redrum Teatro con ‘O mozo da última fila’, unha reflexión cargada de ironía sobre a necesidade de contar historias, a fascinación polas vidas alleas e a lexitimidade da creación artística.

A música chegará o 22 de maio ao Auditorio do Pazo da Cultura da man de Sés, coa xira do seu sétimo traballo discográfico ‘Liberar as arterias’, no que se inclúe unha selección de cancións con letra e música propias da cantautora.

Máis de 300 actuacións en 40 concellos

Deste xeito, a Rede Galega de Teatros e Auditorios retoma a actividade, suspendida nas últimas semanas por mor das restricións da covid-19, como programa cultural máis intenso e extenso de todos os promovidos pola Xunta. Cómpre salientar, que a programación total deste primeiro semestre ofrece máis de 300 actuacións musicais e escénicas en 40 concellos da Rede, coa participación de 110 formacións artísticas profesionais. Mobilízanse así contratacións por un valor aproximado dun millón de euros, cofinanciados entre a Xunta e os concellos asociados.

Está pasando!