A XXVII edición de Noites Abertas recibe un total de 165 propostas de 76 entidades

14 Novembro 2025

  • Esta convocatoria, levada a a cabo desde a Concellaría de Xuventude do Concello de Pontevedra, sufriu un incremento con respecto á anterior de case un 9% no número de participantes e un 5% no de proxectos.
  • Entre o 3 e o 31 de outubro, empresas, asociaciacións e persoas autónomoas relacionadas co eido da xuventude, achegaron proxectos para mocidade entre os 12 e os 30 anos.
  • Os servizos técnicos municipais fixeron unha selección de 93 proxectos.
  • A programación, pendente de presentar ao público, desenvolverase no primeiro trimestre de 2026.

Tralo peche o pasado 31 de outubro do prazo de presentación de propostas para a XXVII edición de Noites Abertas, os servizos técnicos municipais realizaron un traballo de análise e selección de proxectos. Finalmente serán 93 as actividades desta convocatoria que formarán parte do programa de lecer nocturno que terá lugar no primeiro trimestre de 2026 dentro da programación da Concellaría de Xuventude.

O filtrado trátase dun proceso moi complexo no que se xustifica a cada entidade os motivos da escolla ou non da súa proposta e mesmo adoita ser necesaria unha negociación con cada unha delas se se considera que a actividade que se propón desenvolver precisa algunha modificación nas datas, público ao que se dirixe, horario, lugar de celebración, etc.

Estas modificacións e a escolla das actividades realízanse co obxectivo de completar un programa que atenda aos diferentes intereses da mocidade pontevedresa e que resulte equilibrado, plural e atractivo.

En total 76 entidades participaron nesta convocatoria, o que supón un crecemento do 9% con respecto ás 70 de 2024. Tamén tivo un incremento importante o número de proxectos, que acadou os 165 fronte aos 158 dos recibidos na pasada edición. Nunha análise máis minuciosa por tipos de entidade o maior incremento produciuse nas iniciativas presentadas por autónomos e pequenas empresas, sobre todo locais ou da comarca.

O programa definitivo de actividades será presentado ao público no mes de xaneiro, e contará a maiores destas 93 actividades con algunha proposta achegada polo propio Concello, como actividades musicais do Local de Música.

Está pasando!