Pratos elaborados con Choco de Redondela | © Concello de Redondela

Aberto o prazo de inscrición para os establecementos hostaleiros de Redondela que desexen participar nas Xornadas Gastronómicas do Choco

1 Abril 2024

O Concello de Redondela ten aberto o prazo de inscricións para os establecementos hostaleiros do municipio que desexen participar nas Xornadas Gastronómicas do Choco, actividade complementaria á Festa do Choco, que se celebrará do 6 ao 12 de maio.

Rita Pérez, concelleira de Turismo, explica que estas xornadas teñen por obxectivo “promover a gastronomía local así como os establecementos hostaleiros da localidade, que ofrecerán aos seus clientes pratos e menús baseados nun ingrediente de excelencia como é o Choco de Redondela para gozar da cociña mariñeira cons cinco sentidos”.

Os negocios participantes deberán incluír na súa carta, como mínimo, un menú, prato ou proposta gastronómica na que o produto principal sexa o Choco de Redondela, e cada local poderá participar co número de propostas que desexe, tanto salgadas como doces.



O ano pasado foron un total de 13 os locais de hostalaría os que se sumaron a estas xornadas, con pratos como o choco con fabas, en lasaña, con queixo de tetilla, e tamén pizza, canelóns ou hamburguesas de choco, entre outros pratos.

O prazo de inscrición para que os locais de hostalaría se sumen a estas xornadas remata o 7 de abril de 2024. Para participar os establecementos cubrirán unha instancia xeral e, no caso de cumprir con todas as formalidades dentro do prazo establecido, o Concello de Redondela confirmará a inscrición nas xornadas.

As bases están publicadas na web do Concello de Redondela. Coa instancia xeral solicitando a súa participación os establecementos interesados deberán presentar a proposta de menú, prato ou elaboración, indicando ademais o prezo de cada unha das opcións propostas.

Está pasando!