‘Acorda. Cartografía musical da memoria histórica de Pontevedra’ darase a coñecer na preestrea no Teatro Principal de Pontevedra o vindeiro 17 de setembro

8 Setembro 2021

Acorda. Cartografía musical da memoria histórica de Pontevedra’ é unha idea orixinal do Departamento de Memoria Histórica da Deputación de Pontevedra para dar a coñecer lugares e feitos relacionados coa represión franquista na provincia a través da música.

Neste traballo documental participan voces moi diversas que lembran as vítimas a través da interpretación de cancións coa represión como fío común gravadas en lugares simbólicos, testemuñas da barbarie no tempo do medo: a antiga Escola Normal e o edificio da Deputación de Pontevedra; o cemiterio da Estrada; o pozo da Revolta, en Marín; a praia de Massó, en Cangas; a praia de Alcabre, en Vigo; a Volta dos Nove, en Baiona; a Volta da Moura, símbolo da resistencia do Baixo Miño; e a illa de San Simón, o gran símbolo da memoria e a solidariedade en Galicia, que debe volver ser, por sempre, a nosa Illa da Memoria.

‘Acorda’ darase a coñecer na preestrea no Teatro Principal de Pontevedra o vindeiro 17 de setembro. O photocall comeza ás 20:00 horas e a proxección ás 20:30 horas. Rógase puntualidade (é necesaria inscrición previa aquí).

A súa estrea oficial terá lugar no Ourense Film Festival 2021 o vindeiro 1 de outubro.



SINOPSE

Unha mensaxe de paz, memoria e rebeldía para as novas xeracións.

Toda historia de represión e inxustiza ten o seu relato de resistencia e esperanza. A nosa memoria acorda e renace nos lugares, na xente.

No 36, o fascismo franquista quixo apagar a nosa voz e o noso pensamento, quixo roubarnos a chuvia. A historia escríbea quen vence, pero outras historias continuaron escribíndose tamén. Hoxe, coma quen acorda dun longo sono, volvemos a algúns dos lugares onde habitou o silencio, o medo, a perda e poboámolos de música, cancións e palabras. Unha emocionante viaxe á memoria da man do poeta e narrador Lois Pérez e da cantora Uxía, que reúne algunhas das voces máis representativas de Galicia para ilustrar historias de loita e dignidade.

Está pasando!