Adiado o ciclo audiovisual ‘Ambienta’ por mor das previsións metereolóxicas

1 Xullo 2021

Ante as previsións de chuvia, tanto para esta fin de semana como para comezos da seguinte, a Concellaría de Festas, que xestiona Carme da Silva, tomou a decisión de adiar o ciclo de proxeccións audiovisuais ‘Ambienta’.

Desde o seu departamento xa se está traballando para trasladar toda a programación aos días comprendidos entre o luns 19 e o sábado 24 de xullo, mantendo a ubicación na praza da Pedreira.

Deste xeito, por mor do cambio de datas tamén é posible que sexa necesario facer algún axuste na programación en relación aos actos complementarios (coloquios con autoras, e con directoras ou participantes nos filmes), polo que unha vez se pechen as intervecións se farán públicos os cambios.

A Mostra Internacional de Cinema LGBTIQA+ de Pontevedra ‘Ambienta’ recolle o testemuño do FLOP Cinema que cada verán desde 2018 se ven celebrando coincidindo co Día Internacional do Orgullo LGBTIQA+ cada 28 de xuño.

‘Ambienta’ nace para seguir poñendo o acento no cinema como arte e como vehículo. Como reflexo de distintas épocas e sensibilidades que nos axuda a poñer as gafas violetas, as gafas de clase ou como neste caso, as gafas do arco da vella para seguir construíndo unha sociedade onde a diversidade sexa un dos valores fundamentais. Mais tamén como lugar de encontro, cultura e socialización arredor do cinema para gozar do espazo público da cidade.

Trátase dun dos programas incluídos na programación de verán ‘O son da rúa’ e que se desenvolverá desde o venres 2 ata o mércores 7 de xullo, con proxeccións na praza da Pedreira de títulos destacados no eido nacional e internacional.

A programación contempla catro bloques, Ambienta_actual, Ambienta_clásico, Ambienta_doc, e Ambienta_en curta, e na escolla dos títulos colaboraron o Cineclube Pontevedra, Asociación Avante LGBT+, Novos Cinemas, e FIC Bueu.

Ademais das proxeccións, o programa inclúe unha serie de actos complementarios como coloquios con directoras ou participantes nos filmes, ou escritoras como Valeria Vegas, autora do libro de memorias de La Veneno que serviu de base á serie adiovisual sobre a súa figura.

O acto de presentación contará coa presenza de Carme Adán e Cristina de la Torre, directoras do filme ‘Dereito a existir: falan elas’ producido polo Consello da Cultura Galega; e acto de clausura contará coa intervención do vídeo creador Jairo Moreno, que dirixe a peza realizada en exclusiva para Ambienta ‘Máis alá do arco da Vella’.

PROGRAMA ‘AMBIENTA 2021’

Está pasando!