Aldeas de Nadal en Lalín | Turismo Rías Baixas

As Aldeas de Nadal máis famosas de Galicia abrirán as súas portas o venres 5 de decembro

5 Decembro 2025

Lalín dá o paso definitivo para converterse, un ano máis, no epicentro da ambientación festiva de Nadal centrada e dedicada aos nenos e as familias en Galicia coa posta en marcha do parque temático das Aldeas de Nadal 2025, que abrirán as súas portas o venres 5 de decembro, a partir das 19:00 horas.

Estes espazos temáticos, que mesturan tradición galega, personaxes universais e actividades creativas, conforman un itinerario deseñado para ofrecer experiencias inmersivas para os nenos que poden acceder a todas as casiñas dos recintos repartidos por todo o casco urbano.

Desde a estética nórdica da Aldea de Papá Noel ata a atmosfera máxica dos Reis Magos, pasando polo carácter identitario da Aldea do Apalpador, cada área achega elementos diferenciados que consolidan a marca ‘Lalín, Capital do Nadal dos nenos’.

A responsable de Aldeas de Nadal, Karen Fernández, subliña que “as Aldeas de Nadal son un proxecto colectivo que combina identidade local, creatividade e unha poderosa capacidade de dinamización económica para Lalín”.

Fernández engade que “grazas ao compromiso das empresas colaboradoras e ao esforzo dos equipos municipais, este venres volveremos abrir un espazo único en Galicia, pensado para as familias, pero tamén para dinamizar o comercio e a hostalería e para encher de ilusión o centro urbano. Cada aldea está pensada para que os nenos e nenas sintan que entran noutro mundo: personaxes, decoración artesanal e unha narrativa propia. Queremos que as familias repitan, e que Lalín siga sendo un referente”.

Está pasando!