‘As mulleres que opinan’ volven ao Teatro Principal de Pontevedra coa novena edición do Encontro de Mulleres Xornalistas

7 Marzo 2026

Este 13 e 14 de marzo de 2026 volven as #MulleresQueOpinan ao Teatro Principal de Pontevedra. Chegamos á novena edición sendo un foro xa consolidado e co obxectivo sempre necesario de poñer o xornalismo no centro para reivindicar o papel fundamental que, nestes tempos de desinformación e información interesada, teñen os medios de comunicación e as profesionais que exercen este oficio en prensa, radio e televisión.

Ademais, nesta nova edición sentimos que comeza unha segunda etapa do foro despois da celebración compartida en outubro por chegar a 100 mulleres convidadas desde 2018, sumando un diario de opinións e un documental á memoria e historia deste proxecto. Nesta segunda etapa, queremos que a rede de xornalistas e de confianza construída entre as profesionais participantes, a organización e o público sexa protagonista. Por iso, este ano levamos ao cartel o que tantas veces dicimos que é #MulleresQueOpinan: unha rede e unha comunidade.

Iso tradúcese en contar con profesionais que as convidadas doutras edicións nos recomendaron despois de estar aquí, tendo claro que esas compañeiras de profesión que elas coñecen teñen o perfil do noso foro e do noso público. Á súa vez, as nosas relatoras recomendáronlles ás súas compañeiras de profesión vir a Pontevedra e formar parte da rede #MulleresQueOpinan.

Outra das novidades desta nova etapa é que “desvirtualizaremos” as profesionais que participaron en liña nas edicións pandémicas de 2020 e 2021. Todo isto mantendo a responsabilidade de sermos fieis aos sinais de identidade do foro: rodearnos de referentes da profesión para reivindicar o camiño andado por elas ata a actualidade; protagonismo para as profesionais locais e galegas; relatorios pendentes da actualidade; temáticas novas que non estiveran presentes nas edicións anteriores; inaugurar coas gañadoras do noso Premio de Opinión Mulleres que Opinan; mesturar rostros coñecidos con outras mulleres profesionais que fan un gran traballo moi especializado; e xornalismo social.

Nesta novena edición escoitaremos un total de catorce profesionais de diferentes perfís e medios de comunicación para seguir amosando que este foro pontevedrés é o punto de encontro necesario para visibilizar e reivindicar o espazo que as mulleres merecen no xornalismo e nos ámbitos de poder e de opinión.

Xornada presencial, retransmitida en directo vía streaming.

O encontro conta con servizos de interpretación en lingua de signos.

PROGRAMA DE EVENTOS

VENRES 13

12:00 h Inauguración
Diana López e Susana Pedreira co Concello e coa Deputación

12:30 h Gañadoras do III Premio Opinión #MulleresQueOpinan:
Alba Chaves Abelleira e Dores Tembrás Campos

13:15 h “Historia dunha tese: María Luz Morales, unha pioneira rescatada”
Alba Moledo Ucha, xornalista do Diario de Pontevedra

14:00 h Pausa para xantar

17:00 h “Datos, voces e contexto: claves para o tratamento informativo das violencias machistas”
Fátima Frieiro Santaya, xornalista do Diario de Arousa

17:45 h “Xornalismo, psicoloxía e saúde mental: unha cuestión de responsabilidade”
Rebeca Yanke García, xornalista El Mundo

18:30 h “O desafío da desinformación”
Carmela Ríos Calvo, profesora e xornalista en El País

19:15 h “Liberar o tempo propio: repensar a nosa relación co traballo”
Remedios Zafra Alcaraz, escritora e investigadora, Premio Nacional de Ensaio 2025

SÁBADO 14

12:00 h “Actualidade e deportes en clave local”
Nieves Domínguez Amil, xornalista de La Voz de Galicia

12:45 h “Un refuxio compartido: narrando a historia das superviventes de maltrato”
Isabel Coello Cremades, xornalista e creadora do pódcast La casa grande

13:30 h “As mulleres no xornalismo musical”
Sara Morales Fuentes, xornalista e directora da revista musical Efe Eme

14:15 h Pausa para xantar

17:00 h “Ao mando da coordinación informativa
Eva Vázquez Lima, xornalista delegada de Atresmedia Galicia e coordinadora dos centros territoriais de Antena3 Noticias en España

17:45 h “Xornalismo sen fronteiras: mulleres e información en países musulmáns”
Ebbaba Hameida Hafed, xornalista en RTVE e en Reporteiros Sen Fronteiras

18:30 h “Amor, desexo e as súas representacións culturais”
Andrea Proenza Zoroquiain, xornalista en elDiario.es

19:15 h “Vinte anos de actualidade en directo”
Helena Resano Lizaldre, xornalista en La Sexta Noticias

Está pasando!