Presentación da campaña ‘O teu Nadal, a nosa vida’ | Concello de Pontevedra

Bota a andar “O teu Nadal, a nosa vida”, a nova campaña de AEMPE en prol do comercio de proximidade

23 Novembro 2025

  • A edil Anabel Gulías convida a toda a cidadanía a participar nos sorteos de ata 500 euros por comprar no comercio da Boa Vila e lembrou que “mercar local é motivo de orgullo para todas as persoas”
  • As bases completas están dispoñibles en nadalaempe.gal

O Concello de Pontevedra, a través da área de Promoción Económica, colabora un ano máis con AEMPE por medio da nova campaña “O teu Nadal, a nosa vida” que se desenvolverá entre o 24 de novembro e o 30 de decembro cuxo obxectivo é incentivar as compras mediante premios á clientela durante unha época crucial para os establecementos como o son estas datas.

A edil de Promoción Económica, Anabel Gulías, presentou a iniciativa durante un encontro coas principais asociacións de comerciantes da cidade, no que puxo de manifesto a “importancia de comprar no comercio de proximidade. AEMPE leva anos facendo esta campaña tan exitosa na que non só saes gañando por comprar local, senón que entras no sorteo de moitos premios. Queremos facer que comprar local sexa un motivo de orgullo para todas as persoas”.

Pola súa parte, a representante da directiva AEMPE, Marga Caeiro, explicou que “a campaña conta con 6.000 euros para gastar no comercio local. Poden participar non só os comercios que forman parte de AEMPE, Senón todos os comercios que o desexen. Os premios van dende os 50 ata os 500 euros repartidos en 87 premios e todos os días haberá sorteos de tres premios. Os de máis contía sortearanse o último día”.

Para participar nos sorteos, só hai que entrar na páxina web de AEMPE e rexistrarse a partir da tarxeta que entregarán con cada compra os establecementos adheridos á promoción. Aínda que a iniciativa estará aberta a todos os comercios de Pontevedra, cómpre lembrar que unicamente os locais adheridos poderán entregar os códigos da promoción. As bases completas están dispoñibles en nadalaempe.gal

Está pasando!