Carla Simón | Amador Lorenzo

Carla Simón recibe o I Premio de Cinematografía Novos Cinemas Pontevedra 2025

3 Decembro 2025

A cineasta Carla Simón recibiu en Pontevedra o I Premio Cinematografía Novos Cinemas Pontevedra 2025, unha escultura creada pola artista Eva Tarrío que recoñece o risco creativo e a coherencia ética e estética da súa traxectoria.

A directora de ‘Romería’ expresou a súa emoción por recibir o galardón nun festival co que mantén un vínculo persoal e artístico moi especial dende que hai oito anos presentou ‘Estiu 1993’.

“Volver a Pontevedra a recoller este premio de Novos Cinemas é como unha peza que me axuda a pechar un círculo, o círculo das miñas películas máis persoais, sobre as miñas familias e as miñas raíces. Sinto que chegou o momento de deixar ir para seguir crecendo a nivel cinematográfico e persoal. Emocióname pensar que ese novo comezo tamén nace aquí, que sinto que é a miña outra casa”, afirmou Carla Simón.

A directora de películas como ‘Alcarrás’ valorou que o Premio de Cinematografía Novos Cinemas “recoñeza o risco creativo e a coherencia ética e estética. Creo nun cine que suxire e propón sen medo a equivocarse, un cine que, como o que se mostra en Novos Cinemas, non ten receita”. Carla Simón é a “esencia do festival”, apuntou o director executivo de Novos Cinemas, Daniel Froiz.

“Volver a Pontevedra con este recoñecemento é como unha peza que axuda a pechar un círculo —explicou Simón—, o círculo das miñas películas máis persoais, sobre as miñas familias e as miñas raíces”. A cineasta lembrou a súa primeira visita a Novos Cinemas hai oito anos e afirmou que “Galicia, para min, é familia, é cine, e é o lugar onde naceu a historia de amor dos meus pais”.

Presentación da décima edición do festival

Antes da entrega do galardón, celebrouse a presentación oficial da décima edición de Novos Cinemas, un festival polo que durante unha década pasaron cineastas como Oliver Laxe, Lois Patiño, Jaione Camborda, Carla Simón, José Luis Guerín ou León Siminiani.

Este aniversario chega acompañado do nacemento de TerraLab e Ágora, dous espazos dedicados á formación e á industria cinematográfica. Novos Cinemas, que se celebra entre os días 9 e 14 de decembro, comezará coa proxección da película de Anxos fazáns ‘As liñas discontínuas’, premiada recentemente no Festival Internacional de Gijón.

O vicepresidente da Deputación de Pontevedra, Rafael Domínguez, salientou que o festival é “unha canteira de talento e de ilusión, un proxecto que medrou con rigor e con agarimo e que xa forma parte da identidade cultural de Pontevedra. O noso compromiso é seguir reforzando esta colaboración para que Novos Cinemas poida continuar ofrecendo oportunidades a quen dá os seus primeiros pasos no cinema”.

O alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo F. Lores, destacou o orgullo que supón para Pontevedra acoller un festival que medrou da man da cidade: “Novos Cinemas representa á perfección o espírito creativo e innovador de Pontevedra. É un proxecto que leva dez anos proxectando o nome da cidade ao mundo, e que reflicte a nosa aposta por unha cultura viva, participativa e aberta á contemporaneidade”.

A vicerreitora da Universidade de Vigo, no campus de Pontevedra, Eva Mª Lantarón, puxo en valor a colaboración da institución co festival ao longo desta década e o seu papel como espazo formativo: “Novos Cinemas é tamén unha escola aberta que conecta o coñecemento universitario coa experiencia cinematográfica e co diálogo entre creadoras e público”.

As entradas e abonos para o festival están xa á venda. Toda a información sobre horarios, películas e actividades pode consultarse en novoscinemas.com

Novos Cinemas está organizado pola Asociación Cultural e Cinematográfica Novos Cinemas e producido por Matriuska Producciones. Conta co financiamento do Concello de Pontevedra, a Deputación de Pontevedra, a Xunta de Galicia (AGADIC) e o Ministerio de Cultura e Deporte (ICAA).

Está pasando!