Chega o Salón do Libro máis solidario e musical ‘Que non pare a música! do 6 ao 22 de marzo no Pazo da Cultura de Pontevedra

26 Febreiro 2026

  • O evento, que celebra a súa edición número 27, contará con máis de 300 actividades para escolares, bebés, público familiar e adulto entre as que haberá 19 estreas, 15 exposicións e 7 espectáculos exclusivos.
  • A música para ler, para escoitar, para bailar e para a tocar será a protagonista xunto á cultura palestina, que imos coñecer a través da súa literatura, música e gastronomía.
  • Xa están activa en Ataquilla.com a venda de entradas anticipada para os espectáculos de pago.

O concelleiro Demetrio Gómez presentou esta mañá o programa da XXVII edición do Salón Internacional do Libro Infantil e Xuvenil que terá lugar entre o 6 e o 22 de marzo no Pazo da Cultura de Pontevedra e outros puntos da cidade.

O edil salientou a amplitude do programa “con máis de 300 actividades porque aínda que aquí vexades 150, hai outras tantas o máis polas mañás concertadas con centros de ensino. Haberá 19 estreas, 15 exposicións, 7 actividades exclusivas. É moi especial porque imos encher o Salón de música clásica, tradicional, contemporánea, rock, concertos, contacontos, obradoiros, bailes, música para tocar, para crear, para falar dela. Música no Recinto, no Pazo, pola cidade e ata nos agasallos para as crianzas que visiten o Salón. O que non faltará tampouco son os libros para ler, tocar, emprestar, libros na Troca de Libros, en faladoiros, encontros con escritores/as. Libros en galego, en portugués, en catalán, en francés, en árabe e ata en braille”.

Sobre a cultura convidada, Palestina, o edil apuntou que “máis que nunca é cultura fronte a guerra, a barbarie e fronte a ese sionismo que persegue, encarcera e asasina crianzas. Fronte a iso, no Salón, cultura. Imos coñecer a fondo a cultura de Palestina. A súa música a través de obradoiros, espectáculos. A súa literatura e a súa gastronomía que vai ser protagonista de todos os obradoiros de cociña para crianzas que facemos no Salón. Ímolo facer na compaña de todas aquelas entidades que están canalizando a solidariedade galega con Palestina: UNWRA, Galicia e Pontevedra con Palestina, Heart of Gaza, Pallasos en Rebeldía, BDS por Palestina, Creart. Contaremos con 3 actividades solidarias: A primeira delas o gala do 4 de marzo ás 20.00h. no Principal, ‘Cultura contra a barbarie’ a prol de Pallasos en Rebeldía, levada a cabo en colaboración con Culturactiva e con entradas á venda en Ataquilla a un prezo de 8 euros. Con recadación para crianzas en Palestina a través de ONG Creart, o concerto ‘Rockerizados’ de RockLab do domingo 15 no auditorio (xa á venda en Ataquilla.com a un prezo de 3 euros) e os 3 pases do espectáculo para bebés ‘O papaventos de Bisán’ de Bonnie Cooper do día 21 con prezo de 3 euros na billeteira da Cova dos Libros (con reserva previa en salondolibro.gal)

O edil recomendou “para gozar da experiencia do Salón nas mellores condicións” revisar o programa para ter toda a información: “Horarios, prezos, idades recomendadas. Hai actividades de balde, con entrada en Ataquilla, con inscrición previa, para adultos, bebés, familias.

Podedes tamén acudir a web do Salón para a reserva de actividades da primeira fin de semana. (Os mércores 4 e 11 de marzo ás 17.00h estarán dispoñibles as reservas para a segunda e última fin de semana respectivamente). As actividades con venda en Ataquilla xa están todas dispoñibles.

Tamén remarcou a importancia de chegar con 5 ou 10 minutos de antelación ás actividades reservadas para facilitar que as prazas non ocupadas sexan liberadas.

Pese a dificultade de resumir un programa tan amplo o edil destacou amais dos espectáculos solidarios, o espectáculo exclusivo de inauguración o día 6 con Píscore e o Coro do IES A Xunqueira1, o OrbilFest o sábado 14 que será “o primeiro festival de música para cativada e familias”, o espectáculo exclusivo ‘Pedro e o Lobo’ da Orquestra Sinfónica de Pontevedra con pases matinais para escolares e para público familiar o venres 13 ás 19.00h.

O encontro matinal con Mondra organizado para os clubs de lectura dos IES, porque “os adolescentes de Pontevedra len moito e ben, con capacidade crítica e e de análise, por iso organizamos esta festa para os clubs de lectura”.

O concerto de Sés o sábado 14 e a clausura, que non será espectáculo especial pero “nun Salón dedicado á música había que traer a banda de máis éxito entre as crianzas de Pontevedra: Uxía Lambona e a Banda Molona”.

Entre as estreas, o espectáculo de Pista Catro “Premio Nacional de circo do 2025” o sábado 7 no auditorio.

“Se revisades o programa de estreas hai un esforzo moi grande porque haxa espectáculos para bebés e que falen de Palestina. Eu vou destacar dous por estar feitos en Pontevedra: o de Colectivo Xurelo (integrantes de Polo Correo do vento) con ‘Desde o río ata o mar: Contos por Palestina’ o sábado 7 e ‘O papaventos de Bisán’ para bebés o día 21 que xa vos citei antes, en 3 sesións”.

Entre as 15 exposicións o edil deu lugar especial a de ‘HeART of Gaza’ porque “desgraciadamente é o único xeito en que podemos traer ás crianzas de Gaza, a través dos seus debuxos. Tamén estará a Orbil Parade por toda a cidade, este ano cun mapa moi especial feito por Kiko da Silva cun xogo no que averiguar a relación das ubicacións de Orbil pola cidade coa música. E como non, a exposición dos traballos escolares porque nos centros de ensino que colaboran co Salón faise un traballo extraordinario. Gardámoslles un sitio especial para que se vexa o esforzo que fixeron os nenos e as nenas”

Entre as novidades “a segunda fin de semana, o día 15 teremos a Troca de Libros. Un evento que naceu paralelo ao Salón, que integramos e que se fixo tan grade que o ano pasado o espazo reservado no Recinto Feiral quedou pequeno en proporción á cantidade de xente que asistiu. Para evitar colas, e estar máis cómodas, por primeira vez empregaremos todo o Recinto. Teremos tamén como novidade un fotomatón para facer bookface e unha sesión de picadiscos para animar a mañá da troca.

Antes de rematar a súa intervención, tamén quixo salientar datas sinaladas coma “o 20 de marzo no que celebraremos o Día da Narración Oral e o da poesía, a árbore e a chegada da primavera o día 21 de marzo con obradoiros específicos ao longo do día. O festivo do 19 e o día 20, no que os centros escolares da cidade fan ponte, acolleremos por segundo ano a entrega dos Premios Lazarillo da man da OEPLI e contaremos con programación especial de fin de semana para que as cativadas veñan coas súas familias.”

Este ano botouse a casa pola fiestra. Isto foi posible porque hai un equipo de mulleres na organización que temos un luxo en Pontevedra con el. É a explicación de que en Pontevedra se faga o Salón e se faga tan ben. Por algún motivo este evento só se fai en Pontevedra, non hai ningún outro que poida compararse co noso. Iso é porque o facemos aquí e porque está este equipón detrás traballando co equipo de Cultura e o Pazo.

Está pasando!